Valentín González Formoso: "Existe un compromiso total por parte do partido con este proxecto socialista"

Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) foi elixido o pasado sábado secretario xeral do PSdG con case 60%  dos votos. O alcalde das Pontes desde hai 14 anos e presidente da Deputación da Coruña substitúe Gonzalo Caballero á fronte dos socialistas galegos coa aspiración de gañar as eleccións autonómicas de 2024.
Valentín González Formoso (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Valentín González Formoso (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A súa vitoria nas primarias supón un cambio de rumbo no PSdeG?

Vai haber un cambio de obxectivos e de aspiracións: a aspiración de gañar as eleccións autonómicas, a aspiración de volver conectar coa sociedade galega en todos os seus ámbitos e a aspiración de que a cidadanía nos vexa como unha forza política digna de depositar nela a súa confianza, como fixo nas eleccións xerais, nas municipais, nas europeas e  tamén no ámbito que máis condiciona e conforma a nosa vida, como é o autonómico. Polo tanto, queda un percorrido importante que se iniciará coa formación da nova equipa que ten que liderar o PSdeG, no congreso do mes de decembro.

Gonzalo Caballero seguirá como portavoz parlamentario até ese momento. Haberá un cambio, despois?

O papel de Caballero como voceiro non está posto en dúbida, sequera. Vai continuar e debe ser así, con total normalidade. Despois, calquera cambio dependerá do partido e será froito  dunha reflexión que teremos que facer despois do congreso. O primeiro paso agora é escoller unha nova dirección executiva para o partido. A partir de aí teremos que tomar decisións, mais non sen antes reflexionar, con total tranquilidade, sempre poñendo os intereses xerais do partido e da Galiza por diante de posicións persoais.

Prevé dificultades para gañar a confianza do grupo parlamentario e, en particular, da agrupación de Vigo, a máis grande da Galiza que votou maioritariamente por Caballero?

Todos os compañeiros e compañeiras que representan o partido nas institucións somos conscientes de que estamos traballando para este país e que o Partido Socialista da Galiza ten os seus propios estatutos e ten, por riba de todo, un compromiso vivo e compartido coa cidadanía que representa. Estou seguro de que estaremos a altura das circunstancias. 

En poucos días de campaña obtivemos un resultado moi folgado. Gañamos na metade norte e, en Pontevedra, salvo na agrupación de Vigo, que ten unha dinámica propia, máis cando un dos candidatos que se presenta é afiliado, tivemos un resultado moi similar ao de Gonzalo Caballero. Con todo, ese día xa pasou. Non hai máis análises territoriais que facer. Logramos un apoio maioritario, e desde o día seguinte existe un compromiso total por parte do partido con este proxecto socialista que aspira a gobernar o país.   

Van once eleccións galegas e oito candidatos do PSdeG. Semella que quen perde non ten segunda oportunidade. 

A diferenza doutras formacións política, aquí é a democracia, a militancia, e a soberanía de cada militante a que decide que compañeiro ou compañeira está en disposición de representar mellor o partido nas institucións. Non esquezamos que Touriño tivo unha segunda oportunidade porque o resultado das autonómica foi de ir ampliando a súa base electoral, pasou de 13 deputados e deputadas a 17. Polo tanto, cómpre facer as análises axustadas ás circunstancias políticas de cada momento. 
 
Nas eleccións galegas de 2020 o PSdeG baixou nas circunscricións da Coruña e Lugo. En ambas as dúas, vostede vén de gañar as primarias. O PSdeG de Caballero non callou nestas zonas ou non se aplicaron durante a campaña como sinalou o seu contrincante na previa das primarias?

Creo que se trata dun debate desfasado. Con todo, a fotografía real mostra que non se perdeu por dous deputados. Foi a cidadanía galega a que decidiu que 14 deputados cambiasen dun partido de esquerdas a outro partido de esquerdas, e ningún veu ao PSdeG. Mais insisto, a quen lle corresponde facer esa reflexión é á militancia, e xa a fixo o día 30. Para min esa é a que vale.

Aspira a presidir a Xunta?

Si. Calquera socialista que se presenta a secretario xeral do Partido Socialista da Galiza aspira a presidir a Xunta da Galiza.

Faino con vontade de ser presidente con Ana Pontón de vicepresidenta ou á inversa?

A nosa aspiración é gañar as eleccións na Galiza co respecto máis absoluto á cidadanía galega, que vai ser quen diga se cala o proxecto socialista e quen determine se o socialismo galego é merecedor ou non da confianza maioritaria dos cidadáns da Galiza. Todo ten o seu tempo. E, como digo,  que decide neste país quen é o presidente ou presidenta é o lectorado, polo tanto, o meu máis absoluto respecto. Iso si, sen deixar de expresarlle ao conxunto do país que aspiramos a gañar as eleccións autonómicas de 2024.

Unha oposición máis construtiva

Gonzalo Caballero elevou o ton durante a campaña das primarias do PSdeG ao afearlle a Valentín González Formoso a súa conivencia con Núñez Feixoo. Acusouno de pasear "do ganchete" do presidente da Xunta, a quen o novo secretario xeral do partido asegura outra oposición.

"Será unha oposición de compromiso co noso país. Será unha oposición moi exixente co Goberno galego, que vai tratar de compartir criterios de país con todas as formación políticas que coincidan no obxectivo de beneficiar os galegos e as galegas. Mais tamén será unha oposición moi construtiva, moi de propor e non tanto de demoler, frutífera, que se identifique coa maioría deste país, positiva e ilusionada, que quere que traballemos en beneficio da Galiza e non que convertamos a política nunha batalla permanente sen sentido".

Comentarios