Tería aceitado dádivas do dono de Monbus a cambio de concesións públicas

A Fiscalía blinda Feijóo na investigación dun delito de suborno con botellas de Vega Sicilia

No Estado español a Fiscalía Xeral do Estado non é independente, está ligada hierarquicamente ao poder executivo. Esa instancia do poder xudicial acaba de ditaminar que non procede actuar contra Feijóo na investigación pola xuíz Pilar de Lara dun delito de presunto suborno que aquel tería cometido ao aceitar regalos por un valor de 2.327 euros do empresario do sector do transporte, Raúl López.

Feijóo. Apresentación programa eleitoral PP eleccións galegas 2016

Segundo as pesquisas realizadas por funcionarios de Vixilancia Alfandangueira, Feijóo tería recebido regalos de Monbus -lotes de botellas de viño Vega Sicilia- durante os anos 2008 a 2013 por un importe de 2.327 euros.

No período 2008 a 2014, Monbus recebeu adxudicacións públicas por importe de 172,6 millóns de euros, dos cales un total de 23,73 millóns corresponden á Xunta da Galiza.

A xuíza Pilar de Lara, titular do xulgado número 1 de Lugo, está a investigar 24 políticos non aforados e altos funcionarios por un delito de suborno ao aceitar presuntamente presentes do dono de Monbus a cambio de facilitar os seus negocios. As pesquisas alcanzan tamén a 7 persoas aforadas -entre elas o presidente da Xunta, o vicepresidente Rueda, o ex ministro socialista José Blanco, o ex alcalde de Santiago e deputado do Parlamento galego Sánchez Bugallo, a deputada no Congreso Pilar Rojo (PP), e os senadores José Manuel Barreiro e Juan Antonio de las Heras (tamén do PP)- o que levou a De Lara a dar traslado das pesquisas ao Tribunal Supremo e ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza para estes decidiren se ven indicios de delito e, no caso afirmativo, para demandaren o suplicatorio aos respectivos parlamentos.

Pois ben, a Fiscalía Xeral do Estado e a Fiscalía Superior de Galiza -após ser consultados ao respeito polo fiscal chefe de Lugo, Roberto Brezmes- acudiron ao resgate de Feijóo e demais persoas aforadas ao ditaminar que no procede aplicarlles o suplicatorio.

Entende o fiscal Brezmes -pondo voz ás conclusións da Fiscalía Xeral do Estado, o seu superior xerárquico, dependente á vez do Goberno- que, embora a recepción dos regalos non se axustar “aos códigos éticos, á normativa ad hoc e ás boas prácticas dunha administración moderna, transparente e eficiente”, existía nos anos en que se realizaron os presentes unha tolerancia social con estas prácticas: “Unha parte maioritaria da sociedade considerábaos [os regalos] como usos arraizados alleos ao ámbito xurisdicional penal”.

Alegaba aínda que, sob a súa opinión, “en modo algún [os regalos] teñen a capacidade de influencia mínima e necesaria para interferir no exercicio das funcións públicas dos investigados, independentemente do que pretendese o remitente”.

Estas conclusións da Fiscalía Xeral do Estado distan moito da visión do fiscal de Lugo, Jesús Álvarez González, subordinado hierarquicamente a aquela, quen en decembro de 2015 si aprezou indicios de delito de suborno na aceitación dos regalos por parte de Feijóo, Alfonso Rueda -na súa calidade de vicepresidente da Xunta-, o ex deputado do PP no Pazo do Hórreo Alejandro Gómez e o ex ministro de Fomento José Blanco. Os “custosos obsequios” perseguían “propiciar unha boa relación co seu grupo empresarial e conseguir facilidades coas correspondentes administracións”.

Limiar penal

A partir de que limiar se considera que a recepción de regalos pode levar aparelladas responsabilidades de tipo penal? Para a xuíza instrutora do caso, 400 euros marcaría o límite entre os delitos patrimoniais leves e os menos leves.

Se descemos ao terreno da ética política, en xullo de 2014 -os regalos Feijóo recebeunos entre 2008 e 2013- a Xunta da Galiza aprobou un código ético que prohibe a recepción de presentes por parte de funcionarios e cargos públicos que, no caso de os receberen, teñen a obriga de os devolveren e, aliás, acompañados dunha nota por escrito en que se consigne explicitamente que o obsequio se rexeita por imperativo do código ético.

Os cargos contra Raúl López

Raúl López, dono de Monbus, foi detido en marzo de 2015 sob a acusación de branqueamento de capitais, tráfico de influencias e delitos contra a facenda pública. Na operación -que se enmarca na chamada Operación Cóndor- foron arrestadas outras nove persoas e nela, após rexistos en varios hoteis de Sansenxo, os funcionarios de Vixilancia Alfandangueira incautáronse dun millón de euros en efectivo.

Comentarios