Feixoo di nun acto electoral do PP que rexeita "facer política cun virus"

Afirma que a situación epidemiolóxica da Galiza “é tranquila”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press).

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feixoo, defendeu que a situación epidemiolóxica de Galiza é "tranquila" e "mellor en calquera parámetro" que a do resto do Estado a pesar da evolución do brote da Mariña, con máis dun cento de infectados. Por iso, comprometeu "transparencia" e "rigor" e rexeitou "facer política cun virus".

Ao termo dun acto electoral na Coruña, en declaracións aos medios, e mentres a oposición pon o foco con intensidade no brote da Mariña, o presidente galego pediu "un pouco de proporcionalidade e responsabilidade" e subliñou que Galiza está ás portas de "decidir o seu futuro" para o próximos catro anos.

Un día despois de que a Xunta anunciase o peche da Mariña polo menos durante cinco días, Feixoo, no seu día criticado pola oposición por fixar as eleccións para o 12 de xullo, reafirmouse en que "canto máis se espere, máis xente visite Galiza e máis fronteiras se sigan abrindo, máis posibilidades hai de brote".

"Non creo que se deba facer política cun virus. Polo menos os que tentamos preservar a saúde por riba de calquera consideración imos seguir traballando con rigor e pedindo á xente que nos axude, porque unha persoa que non cumpra as obrigacións non só se vai a infectar ela, senón que infectará a moitos outros que non o merecen", resolveu.

Comentarios