Ferrol: cando unha petición para renomear a Praza de España provoca ataque “fascista”

Horas despois de que BNG e Fundaçom Artábria propuxesen que a praza recupere o nome lexítimo e tradicional, Porta Nova, fronte ao posto en pleno franquismo; era atacado con pintura un mural situado perto da Fundaçom e dedicado ás Irmandades da Fala. Aliás, a proposta de renomear a praza xerou polémica nas redes sociais, na que non faltou nin Girauta, portavoz de Cs no Congreso.

mural-artabria-acto-vandalico
photo_camera Imaxe: F. Artábria

A comezos da semana o BNG anunciaba que levaría ao pleno municipal de Ferrol unha moción coa proposta da Fundaçom Artábria para que a Praza de España recuperase o nome lexítimo: Porta Nova. Denominación que tivo até que en 1953, en pleno franquismo, se rebautizou como Praza de España. “Foi un goberno ilexítimo dun réxime ilexítimo quen realizou esta mudanza arbitraria”, explícase na moción, ao tempo que se pide ir rematando cos “vestixios de violencia simbólica” que fican nas rúas, prazas e espazos públicos da cidade.

A proposta axiña atopou eco nas redes sociais, onde abundaron comentarios de todo tipo e a polémica foi aumentando. Nesa mesma noite en que se dera a coñecer a moción atacábase con pintura branca e negra un mural que a Fundaçom Artábria realizara perto do seu local en homenaxe ás Irmandades da Fala. Para Artábria non hai marxe de dúbida: “Resposta do fascismo a proposta de recuperar legítimo nome de Porta Nova: boicotam esta noite mural dedicado as Irmandades da Fala”, escribiu na súa conta de twitter canda a imaxe do mural atacado

Ciudadanos cargou con dureza contra esta moción. A súa concelleira na cidade departamental, Ana Rodríguez Masafret, condenou o ataque contra o mural mentres a súa formación emitía unha nota na que cualificaba a moción que propoñía recuperar o nome  da Porta Nova como “unha simple provocación”, unha proposta que amosaría “fobia a todo o que teña a palabra España”.

Até o portavoz de Cs no Congreso, Juan Carlos Girauta, non quixo perder oportunidade de meter baza e afirmou na súa conta de twitter, e en relación á moción de Ferrol, que “o BNG pode atopar violencia nada simbólica nas súas propias raíces, a UPG”. O Bloque optaba por retrucarlle con retranca e tamén a través das redes, contestándolle que avaliaban renomear a Praza de España como Praza Toni Cantó ou Praza Felisuco, en referencia a 2 mediáticos parlamentares de Ciudadanos.

Desde  Ciudadanos acusáse nas redes a BNG e Artábria de igualar España e Franquismo, algo que estas negan. "Nom sabemos muito bem que parte da moçom nom entendem os de @CsFerrol e em que parte se diz que "Espanha é franquista", indica Artábria, que resume: “Se o pleno municipal de Ferrol acha que deve haver umha Pr.de Espanha que a coloquem noutro sítio,o que pedimos é que nom seja na Porta Nova".

A moción presentarase esta quinta feira, 29 de xuño.

Comentarios