Feixoo sinala que hai 700 rastrexadores logo de semanas agochando cifras

As críticas da oposición ante a reiterada negativa da Xunta a dar o número de rastrexadores co que conta Galiza deu froitos "a medias". Feixoo, acurralado polas preguntas da oposición, sinalou que hai 700 persoas que fan seguimento de contactos a tempo completo. Porén, séguese a descoñecer calquera detalle sobre este servizo. 
fotoweb
photo_camera Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no pleno do Parlamento (Foto: Arxina)

Criticado pola oposición por falta de anticipación e de estratexia e por un discurso triunfalista en medio dunha pandemia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, enunciou con énfase tres declaracións de intención na súa comparecencia desta cuarta feira, 11 de novembro, no Parlamento.

A primeira declaración é evitar o aumento da presión hospitalaria, a segunda esquivar o confinamento total e a terceira atender as persoas máis vulnerábeis. Mais a receita estrela de Feixoo pasa por un 'innovador sistema de rastrexo' consistente na "autodeclaración" ante o Sergas para persoas que son contacto dun positivo. 

 "Anuncia que a poboación galega se rastrexe a si mesma”,  respondeulle a xefa da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón. Feixoo tamén tirou de propostas xa aprobadas en Consello de Goberno para o rastrexo do virus, como é a súa detección temperá a través das augas residuais nas residencias de maiores. 

"Depende de como me pregunte, eu contesto", dixo o presidente ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en resposta á acusación da oposición ao Goberno por ocultar durante meses o número de rastrexadores que hai na Galiza.

Con todo, a presión de nacionalistas e socialistas para que a Xunta desvelase este dato, que se negaba a facelo para evitar a comparación con outras comunidades, deu froitos 'a medias', xa que o presidente ofreceu unha cifra, 700, que correspondería coas persoas que dedican "toda ou case toda a xornada ao rastrexo".

Porén, Feixoo non debullou a composición, organigrama nin distribución dese cadro de profesionais. A Xunta leva meses agochando o dato, escudándose nun "todos son rastrexadores" e volveuno facer. Así, alén deses 700 Feixoo afirmou que hai máis de 5.600 profesionais sanitarios facendo seguimento de contactos, en alusión ao corpo da Atención Primaria, Preventiva etc. 

Antes de aproximar o dato, Caballero acusara Feixoo de opacidade sobre os rastrexadores e lembrou cando falaba de que a Galiza contaba con 6.000 persoas para o rastrexo, "unha fake news", dixo o socialista. 

Feixoo perde os nervios ao falar da redución das PCR

A menor número de PCR, menor número de diagnósticos. Esta regra de tres enfadou Feixoo no Parlamento. Pontón preguntou pola vinculación entre o menor número de probas PCR, que cifrou en 45% menos na última fin de semana, e o feito de que Feixoo acudise onte á Cámara e criticou que se dese orde á Atención Primaria de non facer PCR a contactos estreitos de positivos.  

Tamén Caballero incidiu na redución desas probas: “fixéronse 60.000 nos últimos 15 días fronte ás 125.000 dos 15 anteriores”. 

O mandatario, nervioso ao falar dunha redución de PCR o sábado e domingo -da que Nós Diario xa alertou antonte-, cargou contra Pontón acusándoa de "insidia" ao Goberno e de "querer intoxicar" o Sergas e o Executivo galego.

Españolismo en pandemia

O presidente esquivou a xestión da pandemia cargando sobre o Executivo estatal e tirou da emenda a prol do plurilingüismo no ensino acordada entre o PSOE e ERC, que o españolismo retorce para presentar como unha proposta para eliminar o castelán como lingua vehicular na educación.

Nese sentido, Feixoo acusou Sánchez de mostrarse "hiperactivo" en cuestións que "fragmentan a sociedade española". "Nin o cambio no sistema de elección do Poder Xudicial nin a exclusión do castelán como vehicular no ensino ten que ver coa xestión da pandemia", dixo. Feixoo, seguindo coa sua fixación en Madrid, reivindicouse como presidente e como "autoridade" do Goberno español na Galiza.

Unha Xunta ausente

Pontón incidiu na ausencia de “compromiso” do Goberno galego con aqueles sectores máis golpeados pola crise, como comercio e a hostalaría; ou por unha política da Covid-19 no ensino que se basea, resumiu, en que “cada centro se busque a vida”.

A nacionalista presentou un decálogo de medidas entre as que se inclúe un plan de reforzo de sanidade pública para destinar 200 millóns de euros á Atención Primaria, dotar de máis persoal e medios o ensino ou un plan de rescate da economía.

Os proxectos secretos

A oposición tamén cargou contra a opacidade da Xunta nos 108 proxectos europeos que Feixoo anunciou que enviou á Moncloa para candidatar Galiza á captación de fondos de reconstrución e que seguen sen facerse públicos.

"Hai empresas moi grandes na Galiza que estiveron traballando neses proxectos", dixo Feixoo, aumentando aínda máis a falta de transparencia mesmo para a participación do sector empresarial nos proxectos da Xunta. 

As residencias, zona cero da pandemia

A crise sanitaria nos centros da terceira idade tamén estivo presente na sesión de control ao Goberno no Parlamento galego. As residencias “volven ser a zona cero da pandemia”, lamentou a portavoz do BNG, Ana Pontón.

"Que presuma aquí de datos comparándose cunha media é imperdoábel como tamén o é que só actúe ante un contaxio masivo, nun retrato perfecto da súa falta de anticipación”, espetou a nacionalista ao presidente da Xunta. Pontón foi moi crítica coa "inacción" do Goberno galego ante a situación dramática da residencia de Salvaterra denunciada polas traballadoras. O presidente respondeu que desde que a Xunta interveu esa residencia a situación é boa. Porén, isto desmentiuse onte mesmo desde os sindicatos.

Mercedes Domínguez, responsábel da secretaría da Muller da CIG no Porriño, afirmou a Nós Diario que "a chegada da Xunta non mellorou as cousas, aquilo é un auténtico caos".

Comentarios