O PSdeG insta a Xunta a aclarar cantos rastrexadores hai na Galiza

Denuncia falta de transparencia en datos.

Julio-Torrado PSdeG
photo_camera Julio-Torrado PSdeG

O portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, demanda á Xunta que aclare cantos rastrexadores de casos de coronavirus hai na Galiza, xa que "ninguén o sabe".

En rolda de prensa en Santiago, o deputado socialista lamentou que "ninguén sabe nada sobre a que é probablemente a figura máis importante na loita contra a Covid".

De feito, afea que Feixoo fale de máis de 6.000 rastrexadores na Galiza e inclúa "todos" os médicos de familia, porque "obviamente non o son", o cal tacha de "desvergoña". "É difícil cualificar de rastrexador a alguén que non sabe que ten atribuída esa función", agrega.

Tamén se pregunta cantos rastrexadores están destinados á área da Coruña, afectada polo maior número de casos actualmente, e se a Xunta considera rastrexadores a persoas que traballan nun 'call center'.

Ademais, Torrado alerta de que "hai un déficit claro de información", "un problema de datos" ofrecidos por parte da Consellería de Sanidade, que non achega series e fai comparativas "terxiversadas" para unha lectura "máis positiva" das cifras. "Non se pode estar a enganar cunha cuestión así", advirte.

Nun contexto no que se vive unha situación "preocupante", en termos de contaxios "igual" que hai tres meses, Julio Torrado afea a "desaparición" de Feixoo, pois "hai tres meses saía na televisión máis que Gayoso e agora case o fai menos que a oposición", o que considera "novo".

Nesta liña, recrimina que a Xunta leva seis semanas sen convocar o Centro de Coordinación Operativa (Cecop). Censura que o Executivo galego está "a velas vir" e sen unha actitude proactiva ante a pandemia.

E é que Torrado di que "dá a sensación de que as decisións se tomaban de maneira diferente hai unhas semanas".

Comentarios