Feixoo presume de marchar invicto a Madrid

O xa ex presidente da Xunta e presidente do PP estatal lembrou no acto toma de posesión de Alfonso Rueda as catro maiorías que colleitou na Galiza.

Feixoo, xunto a Rueda, Ayuso e Mañueco onte na toma de posesión do seu sucesor á fronte da Xunta (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Feixoo, xunto a Rueda, Ayuso e Mañueco onte na toma de posesión do seu sucesor á fronte da Xunta (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Con motivo da toma de posesión do seu sucesor, Alfonso Rueda, o xa ex presidente da Xunta e presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, realizou a súa última comparecencia no Parlamento, na que aproveitou para "felicitar" o pobo galego pola súa "exemplaridade, convivencia e cordialidade" mostrada especialmente nos últimos meses; ademais de agradecerlle o seu apoio durante os últimos anos.

Mais este agradecemento deixaba tamén unha mensaxe e un reto para os que veñen detrás "Vou invicto desde o punto de vista electoral e creo que non hai mellor forma de irse para un político", indicou o ex líder do executivo galego.

"Non podo máis que trasladarlles a miña satisfacción, dicir que me vou cunha débeda que non poderei pagar", apuntou, facendo referencia ás súas catro maiorías absolutas. 

Feixoo avanzou que volverá á Cámara galega mais só para pedir a súa confianza para ser designado senador. 

Cordialidade lingüística

Do Parlamento, comentou, leva "a cordialidade política e lingüística, o respecto ás institucións e o convencemento de que se pode facer unha política distinta, que o cumprimento do Estatuto e a Constitución non son  negociábeis".

Nesta liña, o líder dos populares insistiu en que o modelo da política española é "o da transición, o dos grandes pactos e o do respecto ao adversario"; algo que "lamentablemente se está perdendo pero que queda aínda nalgúns territorios, como na Galiza".

Neste contexto, considera Feijóo que "cumpre co seu deber" asumindo unha nova tarefa na política estatal. "Isto é o que entendo que debe ser a política, cumprir en cada momento co seu deber", defendeu.

Feixoo, que felicitou a Rueda pola súa designación como presidente da Xunta, tamén destacou a "estabilidade institucional" coa que se produciu a transición, unha "materia prima" que, ao seu xuízo, "escasea na política".

O presidente dos populares remarcou a "normalidade" coa que se levou a cabo o proceso, "cumprindo  taxativamente as leis e o Estatuto. "Sen espaventos, sen tensións e  meditadamente, como o facemos os galegos", comentou.

A este respecto concluíu que "nunha España crispada e tensa, na que a seguridade non é o principio básico nas institucións", o modelo galego de "cordialidade democrática" debería "exportarse ao conxunto do país".

Comentarios