Anxo Quintana: "Feixoo preséntase sen poder amosar nin un só proxecto de país"

"Creo que hai partido, a cousa está igualada, pero pode haber un cambio", sinala Anxo Quintana a Nós Diario en relación ás eleccións galegas. O ex vicepresidente da Xunta da Galiza (2005-2009) e portavoz nacional do BNG na primeira década do século XXI ve un panorama político marcado por dous "vectores fundamentais que abren o xogo electoral": un PP que aparece por primeira vez en moito tempo como "vulnerábel" e un "nacionalismo en ascenso". 
 
O ex vicepresidente do Goberno galego, Anxo Quintana González (Imaxe Arxina)
photo_camera O ex vicepresidente do Goberno galego, Anxo Quintana González (Imaxe: Arxina)

Anxo Quintana recibe Nós Diario ás portas das eleccións galegas. Afastado da política institucional, segue de perto a actualidade do país. Así o amosa nesta conversa, en que analiza a situación actual da Galiza ao tempo que fai con precisión un balance dos 11 anos de Alberto Núñez Feixoo na Xunta. As políticas sociais seguen a trazar o seu recordo da acción de Goberno do que foi vicepresidente de Igualdade e Benestar. 

Coas medidas postas en marcha por mor do coronavirus, sería partidario de adiar as eleccións?

Creo que estas decisións teñen que estar guiadas por un único criterio, que é o da saúde pública, e polos organismos sanitarios competentes. Adiar as eleccións non é unha decisión calquera e, así como a decisión de convocalas corresponde ao presidente da Xunta, un adiamento debera consensuarse coas forzas políticas.

Ao longo do mandato de Núñez Feixoo non houbo unha soa competencia de transferencias para a Galiza

Como ve a carreira electoral?

Hai unha recomposición do panorama político interesante, no que hai dúas cuestións moi salientábeis. A primeira é que o PP aparece por primeira vez en moito tempo como partido vulnerábel, o cal abre o xogo electoral. A segunda é a evidencia dun nacionalismo en ascenso. Creo que eses son os dous vectores fundamentais que acabarán determinando o resultado electoral.
 
E como ve as candidatas?

Hai un candidato, Alberto Núñez Feixoo, que se presenta sen poder amosar nin un só proxecto de país realizado durante os seus 11 anos de mandato. Desde Madrid quéreselle outorgar unha bitola de moderado e galeguista, cando non recordo ningunha medida social do seu Goberno que teña a categoría de progresista.

Ao longo do seu mandato non houbo unha soa competencia de transferencias  para a Galiza e non mantivo ningunha contradición política forte con Madrid. Non sei pois, a que se pode deber ese galeguismo a Feixoo imposto que nos queren trasladar desde Madrid. 

En canto ao Partido Socialista e a Unidas Podemos, as súas posibilidades de éxito ou de fracaso na Galiza dependerán máis da dinámica estatal, de como lle vaia ás súas forzas no Estado, e non tanto do que sexan capaces de xerar como actividade propia no país. Isto non é  unha situación especialmente positiva para competir electoralmente. 

En canto ao BNG, este foi capaz de resistir nun momento moi difícil, ten unha candidata con solvencia e capacidade para o posto ao que se presenta  e ademais teñen un exército civil, unha organización política cohesionada e disposta a defendela. 
Creo que hai partido, a cousa está igualada, pero pode haber un cambio. 

De o PP perder, apostaría por un Goberno de coalición?

Está por ver cal é a primeira e a segunda forza política máis votada. Mais nunha democracia parlamentaria, o lóxico é que se formen Gobernos de coalición. Estamos en sociedades plurais e o normal é que os Executivos tamén respondan a esa pluralidade.

A alternativa na Galiza é plural. O que hai que intentar é que sexa ademais unha alternativa de país

E iso é bo, non é ningún impedimento, porque a alternativa na Galiza é plural. O que hai que intentar é que sexa ademais unha alternativa de país, pensada desde a Galiza  e feita para o país.

E de haber coalición, que consello daría para que for exitosa? 

Meu pai sempre citaba un refrán: "viños e sacramentos a quen os pide". E eu engado aí os consellos. Eu non me sinto con capacidade de dicirlle ao BNG o que ten que facer. O que si é certo é que a acción de Goberno implica sempre varios factores a ter en conta: ter proxecto de país e ter presente sempre que o Goberno é un instrumento, non un fin en si mesmo. O institucional é un instrumento para pór en práctica un proxecto, e o nacionalismo  ten proxecto. 

Hai que ter en conta que quen ostente o Goberno da Xunta, se hai un cambio, que eu espero que haxa, non vai só gobernar senón que tamén, dalgún xeito, vai xestionar un cambio de réxime, e iso non se fai nin en tres meses nin en catro anos. Por tanto, a capacidade de paciencia, que é unha virtude revolucionaria, debe imperar no Goberno desde o primeiro momento. 

O nacionalismo ten ademais un reto pendente, o de converterse no referente da maioría social do país. Iso significa construír un proxecto transversal e, de darse o caso, exercer unha acción de Goberno guiada polos teus principios e valores e posta ao servizo do conxunto da sociedade. 

Como ve a Galiza de Feixoo?

É evidente que ao longo destes 11 anos houbo un retroceso moi importante na cualificación e extensión dos servizos públicos, os cales son fundamentais para o benestar da cidadanía. Non só non houbo políticas activas, senón  que se deron retrocesos evidentes. Non me vale que digan que hai menos orzamentos que antes.

Nese caso podería chegar a entender que se dera unha diminución neses servizos proporcional á redución presupostaria, mais non foi así, pasouse á nada, a cero. En 11 anos paralizouse totalmente a extensión da rede de centros de benestar e recortáronse as prestacións sanitarias. 

O BNG na Xunta non só protagonizou un continxente de investimento en materia social, senón que todo iso obedeceu a un proxecto de país

O BNG na Xunta non só protagonizou un continxente de investimento en materia social, senón que todo iso obedeceu a un proxecto de país: puxemos en marcha o Sistema Galego de Benestar e Igualdade, para que estes aspectos impregnaran de maneira transversal a acción de Goberno. E diso pasouse á nada. 

Por outro lado, todos os proxectos de desenvolvemento económico en que pretendeu participar a Xunta no mandato de Feixoo foron un fiasco, como a intervención no sector naval ou a venda á baixa do noso sector financeiro.

Ademais, en todo este tempo houbo un debate político moi forte sobre a reorganización territorial e a Galiza estivo desaparecida.

Coa distancia temporal, cal é o momento máis amargo que viviu no Goberno?

Pasou tanto tempo... Non é unha cuestión na que repare mentalmente moito... Nunha actividade como esa hai momentos bos e tristes. O tramo final e sobre todo o resultado electoral de 2009 foi unha gran decepción no persoal pero, o que é máis relevante, tivo implicacións políticas moi importantes que sempre recordo con pesar, con pena. 

E o máis doce?

Lembro con especial satisfacción o día en que puxemos en marcha a primeira Galescola. Para min, como nacionalista, foi moi importante que se creara unha rede de centros públicos de ensino de cero a tres anos, inspirada nunha perspectiva galega.

Era un paso que viña a pór en evidencia na sociedade que o nacionalismo galego non era só un proxecto para defender a nosa identidade, cuestión moi importante, senón que tamén valía para procurar o benestar da xente, e iso exemplificábao moi ben o proxecto das Galescolas. 

"Lembro con especial satisfacción o día en que puxemos en marcha a primeira Galescola"

Hai vida logo da política institucional, non?

E tanto! Síntome moi satisfeito de dedicar boa parte da miña vida ao traballo político e a responsabilidades institucionais, mais construír país non é tarefa só das forzas políticas e das persoas que participan no institucional. É de toda a cidadanía. Eu dedícome agora a un ámbito diferente, desde a convicción de que xerar emprego, proxectos empresariais e traballar día a día tamén constrúe país. Cada cousa ten o seu tempo. 

 Sempre tiven a constatación de que toda a miña vida traballei moitas horas todos os días, pensei que era difícil superar o ritmo desa época, mais agora, con 61 anos traballo polo menos tanto coma sempre. 
 

Comentarios