O debate electoral entre Sánchez e Feixoo foi o menos visto na historia do Estado español

O que máis audiencia media obtivo até o momento foi o cara a cara disputado entre Mariano Raxoi e José Luis Rodríguez Zapetero en febreiro de 2008 que foi seguido por 13 millóns de espectadores.
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo esta segunda feira antes do debate electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo esta segunda feira antes do debate electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O debate electoral entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo foi visto por 5,9 millóns de espectadores e obtivo unha cota de pantalla de 46,5%. O minuto de ouro produciuse ás 22.45 horas, momento no cal se coincidiron vendo o cara a cara, decorrido en Atresmedia, 6,4 millóns de espectadores cunha cota de pantalla de 47,8%, segundo datos ofrecidos por Barlovento Comunicación.

O que protagonizaron Sánchez e Feixoo foi o menos visto dos cara a cara dos organizados desde 1993, aínda que o debate electoral que obtivo menos cota de pantalla até o de agora foi o disputado en abril de 2019 entre Pedro Sánchez, Pablo Casado, Pablo Iglesias e Albert Rivera con 43,8%.

O que máis audiencia media obtivo até o momento foi o cara a cara disputado entre Mariano Raxoi e José Luis Rodríguez Zapetero en febreiro de 2008 que foi seguido por 13 millóns de espectadores e obtivo unha cota de pantalla de 59,1%, seguido do que disputaron Alfredo Pérez Rubalcaba e Raxoi o 7 de novembro de 2011 cun seguimento de 12 millóns de espectadores e unha cota de pantalla de 54,2.

Os debates ente Felipe González e José María Aznar chegaron a alcanzar unha cota de pantalla de 75,3% con 10,5 millóns de espectadores.

No anterior cara a cara que protagonizou Pedro Sánchez con Mariano Raxoi en 2015, o número de espectadores que seguiu o espazo foi de 9,7 millóns e a cota de pantalla ascendeu a 48,7%.

Desde entón, non se organizaron máis debates a dous até o desta segunda feira, aínda que si houbo outros formatos protagonizados polos candidatos do PSOE, PP, Podemos e Ciudadanos. Deles, o máis seguido foi o que tivo lugar en xuño de 2016 con 10,4 millóns de audiencia media e 57% de cota de pantalla e o que menos cota alcanzou foi o do 22 de abril de 2019 co 43,8%.

Perfil de audiencia

En canto ao perfil de audiencia do debate desta segunda feira, 50,3% da cota de pantalla foron varóns e, por idades, o maior seguimento obtívose na franxa de 13 a 24 anos (48%), seguido da de 45 a 65 anos (45,9%) e a de 25 a 44 anos (45,7%).

E, por territorios foi Galiza o lugar en que o debate obtivo unha maior cota de pantalla que alcanzou 58,2% cunha audiencia media de 494.000 espectadores, seguida de Castela e León co 57,5 e 332.000 espectadores e Murcia con 56,3% e 222.000 espectadores.

Ao contrario, en Catalunya a cota de pantalla foi a menor con 36,8% e 688.000 espectadores, seguida de Euskadi con 39,2% e Balears 42,8%.

Comentarios