Feijóo: “Ser galego é a forma de ser español”

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou en declaracións a RNE que participará activamente na campaña electoral catalana en favor do seu partido. “Irei cos meus compañeiros do PP de Cataluña para participar como presidente autonómico dunha nacionalidade histórica para dicir que […] ser catalán é unha forma de ser español en Cataluña”, afirmou o político popular, quen rematou apuntando que “ser galego é a forma de ser español”.

feijóo e aznar campus faes
photo_camera Feijóo, nun campus de Faes con Aznar

Cuestionado sobre a situación actual en Catalunya, Feijóo sinalou que o Principat foi “exemplo do que non debía ser” ao tempo que tachaba o president no exilio da Generalitat, Carles Puigdemont, de “perder o sentido da realidade”. O político popular continuou coa súa batería de ataques ao líder do independentismo catalán acusándoo de ser un “elemento nocivo” para a sociedade catalá que “desconecta da realidade”.

O líder do Executivo galego tamén fixo listaxe sobre as dificultades que o procés tería provocado, segundo el, para Catalunya, como o aumento da débeda pública ao Estado español. “Catalunya é máis pobre que hai uns anos”, comenta sobre un país que actualmente figura como unha das comunidades autónomas máis prósperas de todo o estado.

Feijóo enmarca estas declaracións dentro da decisión do presidente do goberno, Mariano Rajoy, de forzar a convocatoria de eleccións autonómicas por causa da Declaración Unilateral de Independencia que se votou no Parlament.

Comentarios