Sesión de control

Feijóo presume de políticas de igualdade ás portas da greve do 8M

“Nunca houbo tantas políticas de conciliación laboral”, afirma o presidente, que tivo tempo no debate parlamentar para reiterar que en Galiza existe “terrorismo incendiario”.

GRA114 SANTIAGO DE COMPOSTELA, 04/10/2017.- El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibe aplausos tras su intervención esta mañana en el Parlamento gallego, que celebra el primer debate de política general de la legislatura en el que intervendrán los portavoces de los distintos grupos, en Santiago de Compostela. EFE/Lavandeira Jr

Unha das promesas feitas por Núñez Feijóo na súa primeira toma de posesión foi a de acabar coa fenda salarial entre homes e mulleres. Lembroullo ao presidente Ana Pontón na sesión de control, indicando que case unha década despois daquel compromiso, este continúa sen cumprirse. A portavoz do BNG  instou a Feijóo a que mostrase un apoio á greve do 8 de marzo e que o PP virase a política actual na materia: conxelación da lei de igualdade, financiar cartos colexios que segregan por xénero, recortar recursos en igualdade… ou “deixar de negar o dereito de conciliación, como pasa con traballadoras no Consorcio galego de igualdade e benestar”.

Non gostou o presidente da intervención da nacionalista. Acusouna de usar “insultos” para ocultar “falla de argumentos” e botou man dun dos seus argumentos favoritos: noutras partes están peor. Así, Feijóo dixo que era menor a fenda salarial aquí que no Estado español, o mesmo que pasa coa taxa de paro feminino. Convencido, afirmou tamén que agora as mulleres tiñan máis políticas, programas e servizos ao seu dispor que antes da chegada do PP. “Non houbo tantas políticas de conciliación laboral como agora”, aseverou.

A portavoz do BNG – que comezou a intervención denunciando o encarceramento do rapeiro Valtonyc e o secuestro do libro Fariña- criticou que as palabras de Feijóo non podían tapar que o goberno “incumpre a lei de violencia de xénero e de igualdade salarial”. Propuxo unha lei galega de igualdade pola que as empresas que incumpran na igualdade salarial non podan contratar coa administración. Feijóo non deu resposta a esta proposta.

Feijóo insiste na existencia dun “terrorismo incendiario”

Luis Villares (En Marea) levou ao debate o informe da Fiscalía de Medio Ambiente no que se nega a existencia de terrorismo incendiario e dunha trama organizada nos incendios en Galiza. “Foron incapaces de xestionar aquela catástrofe polo que optaron primeiro por ocultar e despois por botar a culpa a alguén”, denunciou Villares.

O presidente reiterou que en Galiza existe “terrorismo incendiario”. “Non é necesaria unha trama, pode ser un acto terrorista individual, sen conectar con outros”, explicou. Non fala xa de “trama organizada”, como fixo nas semanas posteriores  á vaga de ,lumes, mais Feijóo mantén que o que aconteceu era terrorismo. Iso si, lembroulle Villares, embora prometer que as vítimas dos incendios serían indemnizadas como “vítimas do terrorismo” á hora da verdade non fixo tal.

Compromisos con Galiza

Fernández Leiceaga (PSdeG) lamentou o escaso peso de Feijóo perante o goberno español así como a actitude de “poñer a outra meixela” ante os incumprimentos de Madrid para con Galiza. O socialista indicou que a exclusión do corredor de mercancías, o veto ao traspaso da AP9 ou o baixo nivel de investimento de obra pública do Estado en Galiza son exemplos que mostran esa realidade

“Fagamos unha estratexia común de todas as forzas políticas fronte ao goberno central para instar a que se comprometa con Galiza”, ofreceu Leiceaga ao presidente, para variar a actual estratexia, que cualificou como “suicida”. 

Comentarios