Feijóo cre que o goberno de Compostela, do PP, debe dar explicacións pola vaga de escándalos


Un novo escándalo relacionado co goberno local de Compostela, neste caso de facturas falsas, e máis unha resposta de Feijóo como se non fose presidente do PPdeG, partido que goberna na capital de Galiza. Limítase a pedir "explicacións contundentes".
Feijóo e Conde Roa
photo_camera Feijóo e Conde Roa

Non é a primeira vez que Núñez Feijóo pon cara de sorpresa ante o que acontece en Compostela e considera que o goberno local, do PP, ten que dar explicacións. Como diría un castizo español, vendo os touros desde a barreira. Xa o fixo en relación as imputacións de membros do executivo municipal de Santiago na Pokemon e vén de facelo, máis unha vez, en relación cun novo escándalo que atinxe ao goberno compostelán: as facturas falsas do concelleiro de Obras. 

A preguntas dos xornalistas sobre as facturas falsas, Núñez Feijóo afirmou que o goberno local debería dar "explicacións contundentes, amplas e concretas". E adiou calquer decisión do PP sobre estes feitos a esas explicacións. Iso si, Feijóo afirmou que estaría "moi atento" a esas explicacións. Púxose no papel de cidadán normal. Unha resposta que non deixa de causar sorpresa na capital de Galiza, pois é como se Feijóo non fose o presidente en Galiza do partido que goberna Compostela.

Pide coherencia

O presidente da Xunta e do PPdeG aproveitou, iso si,para defender a que denomina "liña de coherencia" que el mantén neste tipo de situacións. Di que o PP defende que deixen o partido aqueles que sexan obxecto de medidas cautelares e emprezaou a outras formacións a "facer o mesmo".

Comentarios