En dupla campaña

Feijóo, en dupla campaña, defínese como un "político nacional" e marca distancias con Rajoy sobre Soria

Feijóo é o candidato á presidencia da Xunta por terceira vez consecutiva, mais todo indica que non deixa de ter A Moncloa no seu albo. En Madrid esta segunda feira o líder conservador definiuse como un "político nacional" e cuestionou a aterraxe do ex ministro Soria no Banco Mundial.

Feijóo. Apresentación programa eleitoral PP eleccións galegas 2016
photo_camera Feijóo, durante un acto do PPdeG

Dá toda a impresión de Feijóo estar a xogar con dupla baralla nestes días de setembro. As cartas oficiais son coas que xoga nos mitins e actos eleitorais do seu partido como candidato á reelección na Xunta. A baralla oficiosa é a que insinúa cada vez que entra na política de ámbito estatal. O seu nome continúa a soar como hipotético relevo de Rajoy se este finalmente se facer a un lado para viabilizar a formación dun goberno no Estado. Non é o único. Tamén está nas cábalas a presidenta de Madrid, Cristina Cifuentes. Ambos, Feijóo e Cifuentes, criticaron esta segunda feira, con suavidade mais criticaron, o nomeamento de Soria para o Banco Mundial.

No almorzo informativo de Europa Press decorrido en Madrid esta segunda feira, Feijóo foi interpelado polos meios sobre se unha eventual vitoria súa o 25S o catapultaría a participar na "política nacional" e o presidente da Xunta non tivo o menor reparo en dicer que el xa era un "político nacional". "Ser representante do Estado na comunidade autónoma non é política nacional? Un presidente autonómico non fai política nacional?", perguntouse retoricamente.  A seguir manifestou a súa vocación por se manter ao servizo do que chamou o seu "pobo", isto é, a Galiza. Argumentou que continúa na política galega para evitar que a Xunta sexa gobernada por unha coligazón de partidos. Curioso porque é o mesmo -unha coligazón- o que propón Rajoy para o Estado.

"Ser representante do Estado na comunidade autónoma non é política nacional? Un presidente autonómico non fai política nacional?", pergunta retoricamente Feijóo

Que posibilidades ten Feijóo para substituír Rajoy? Vai depender da variábel do 25S. Unha derrota face a oposición ese día restaría moitas opcións ao político de Os Peares. Unha vitoria, que necesariamente teria de ser por maioría absoluta ou co concurso de Cs, tornaríao como candidato in pectore para o ingreso na Moncloa. Ten, aliás, un problema non menor Feijóo: o seu álbum de fotos, a súas vellas relacións co narcotraficante Marcial Dorado e as non tan vellas co conseguidor Pachi Lucas. Esa mochila, a memoria dese pasado, xa foi evocada por Pablo Iglesias no debate de investidura decorrido a pasada semana no Congreso. A blindaxe mediática da que goza Feijóo na Galiza non sería tal en Madrid, o que podería levar a que o PP xogase outra ficha máis impoluta á hora de se decidir a dar o relevo a Rajoy.

En todo caso, os indicios que hai sobre a mesa apuntan a que, embora iso, Feijóo non deita a toalla, o que, alén do máis, coloca unha nova pergunta sobre a mesa: quen é o seu tapado para presidir a Xunta no caso de o PP reunir, só ou na compaña de Cs, 38 ou máis escanos no Hórreo?

Comentarios