Feixóo asegura que manterá o "tronco" da reforma laboral que o PP rexeitou no Congreso hai un ano

Di que é "substancialmente unha boa reforma": "É a reforma laboral do Partido Popular con algúns axustes"

Alberto Núñez Feixoo esta terza feira, 27 de xuño, en Valencia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo esta terza feira, 27 de xuño, en Valencia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, asegurou esta quinta feira, 29 xuño, que se chega á Moncloa manterá o "tronco" da reforma laboral aprobada en febreiro de 2022 polo Goberno de PSOE e Unidas Podemos, unha norma que o PP liderado por Pablo Casado rexeitou no Parlamento. Ao seu entender, trátase "substancialmente" dunha “boa reforma" que conta co consenso dos axentes sociais, algo que ve "moi importante".

"É a reforma laboral do Partido Popular con algúns axustes", afirmou Feixoo nunha rolda de prensa en Bruxelas tras a reunión do Partido Popular Europeo (PPE). Así, aclarou que el non dixo que non vaia "respectar" a reforma laboral se chega á Moncloa.

O Executivo de Pedro Sánchez sacou adiante esa reforma laboral en febreiro de hai un ano grazas á equivocación do deputado do Grupo Popular Alberto Casero no pleno do Congreso. Naquela votación, os dous deputados de Unión do Pobo Navarro (UPN) romperon a disciplina de voto e votaron xunto o Grupo Popular, un feito polo que foron expedientados.

Ve "moi importante" o acordo entre patronal e sindicatos

Feixoo subliñou que esa reforma laboral é "produto do acordo entre sindicatos e patronal" e engadiu que para o seu partido é "moi importante" ese acordo. Segundo engadiu, se chega á Moncloa volverá chamar os axentes sociais e "ver se algunhas queixas" que están a recibir dalgúns sectores produtivos como o da automoción poden "mellorar" esa norma e facer "algún axuste".

"Pero esa reforma laboral pactada, eu vouna a respectar", manifestou, para engadir que "dentro das súas propostas" para as eleccións do 23 de xullo "non está" modificar ou derrogar esa reforma laboral.

Comentarios