Eleccións 23-X

O PP impón as súas condicións para uns debates nos que non estará representado o BNG

Feixoo acepta un 'cara a cara' con Sánchez, mais en Atresmedia e non en RTVE alegando a "falta de neutralidade" dos medios públicos, e propón outro debate 'a sete' no que participarían tamén Vox, Sumar, ERC, PNV e Bildu mais non un BNG co que tamén Alfonso Rueda se nega a debater na Galiza.
Alberto Núñez Feixoo, nun recente acto de precampaña do PP. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, nun recente acto de precampaña do PP. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O líder do Partido Popular e candidato desta formación á Presidencia do Goberno español nos comicios do vindeiro 23 de xullo, Alberto Núñez Feixoo, reitera o seu interese en participar en debates previos á cita coas urnas, mais coas súas propias condicións. Está disposto a confrontar co presidente e candidato do PSOE, Pedro Sánchez, nun 'cara a cara'... Iso si, un encontro organizado e retransmitido polo grupo Atresmedia e non a través da pública TVE, que os conservadores consideran "pouco neutral".

O xefe de Informativos do ente público, acusou esta terza feira perante unha misiva remitida á dirección de RTVE o vicesecretario de Acción Institucional do PP, Esteban González Pons, é "parte da estratexia de campaña do PSOE" a través da súa proposta de debates electorais, que cualificou de "burda utilización da [televisión] pública polo partido do Goberno". "Non confiamos na súa neutralidade", engadiu.

Desde o PP si ven reflectida esa "neutralidade" en Atresmedia, onde Feixoo está disposto a debater... mais só con Sánchez, nun 'cara a cara' entre as dúas principais forzas políticas e excluíndo o resto. Outros medios ofreceran tamén acollelo, mais os populares escúdanse en que Atresmedia foi "o primeiro" en propolo. Se ben desde esta corporación non concretaron aínda os detalles nin a data do encontro, os conservadores propuxeron que se realice o 10 de xullo.

E, de forma paralela, o Partido Popular propuxo organizar outro debate 'a sete' no que, alén do PSOE, participarían Sumar, Vox, ERC, PNV e Bildu, e que sería o 5 de xullo. Atresmedia, que asegurou que "toma nota" da proposta, podería organizalo tamén.

Este grupo mediático ofrecera inicialmente un debate 'a catro' —PP, PSOE, Sumar e Vox— para o 12 de xullo e un 'cara a cara' entre Feixoo e Sánchez o día 19. Porén, os populares puxeron sobre a mesa as súas propias condicións, a comezar polo veto a RTVE.

De todos estes debates ficaría excluída a principal forza da oposición no Parlamento galego, o BNG, a quen tamén fechou a porta a debater na Galiza Alfonso Rueda. O presidente da Xunta rexeitou o convite da líder nacionalista, Ana Pontón, a organizar un debate cos líderes do PP e o PSOE na Galiza a fin de "explicar á cidadanía cales son as alternativas para defender os intereses da Galiza no Congreso e no Senado".

Acusouna de estar "moi necesitada de proxección" e exemplificou arredor disto as "moitas cousas que cambiaron" a respecto de 2008, cando, na previa ás eleccións estatais, si se convocara na Galiza un encontro semellante entre as principais forzas políticas a petición do PP daquela liderado no país por Feixoo.

Tamén Sumar, cuxa cabeza visíbel na Galiza é a ex concelleira do Goberno santiagués de Compostela Aberta Marta Lois, pediu até tres debates con candidatas e candidatos galegos de BNG, PP e PSOE para dar a coñecer as súas respectivas propostas para Galiza.

Comentarios