18-F

Podemos presenta o seu programa de goberno: 516 propostas “da xente para a xente”

Faraldo propón a ‘Taxa Ortega’ para conseguir 1.600 millóns a partir de impostos ás grandes fortunas

Presentación do programa de Podemos para as eleccións galegas do 18-F, esta sexta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación do programa de Podemos para as eleccións galegas do 18-F, esta sexta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

516 propostas divididas en catro bloques: políticas públicas, dereitos da cidadanía, economía e futuro e ecoloxismo. Podemos presentou esta sexta feira o programa co que concorre nas eleccións galegas do 18-F.

Un documento que, segundo afirmou o coordinador do mesmo, Daniel López, foi elaborado recollendo achegas de colectivos e asociacións como SOS Sanidade Pública, a Fundación Franz Weber, Cogami ou Provivenda.

“É un programa da xente para a xente”, definiu López a folla de ruta da formación morada. “Ambicioso, transversal, feminista, ecoloxista e que pon o foco nos problemas reais do día a día que ten o pobo galego”, concluíu o coordinador.

Medidas “estelares”

Vivenda, industria, sanidade, educación e dependencia. Estes son os sectores que a candidata de Podemos a presidir a Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, destacou como ámbitos estrela do seu programa.

“Para nós é imprescindíbel implantar a lei de vivenda que saíu no Ministerio de Asuntos Sociais de Ione Belarra”, explicou Faraldo, co obxectivo de facer fronte “á escalada de prezos que estamos a vivir”.

Por outra parte, a candidata de Podemos propuxo esta sexta feira un “Plan de industrialización da Galiza que, ademais, tamén pasa polo mundo rural e polo mundo pesqueiro”. Non obstante, Faraldo fixo fincapé no rescate de Alcoa, “empresa punteira, estratéxica e que, de caer, golpeará duramente a Economía, tanto de presente como futura”.

A sanidade pública, un dos temas máis presentes nesta campaña electoral, foi outro dos apartados do programa que salientou Isabel Faraldo. “Hai que reverter os 2.000 millóns recortados en Atención primaria”, dixo. Na mesma liña, e en canto á educación pública, a candidata de Podemos chamou tamén a “reverter as ratios entre profesorado e alumnado, así como os feches de escolas e institutos”.

A este respecto, Julia Torregrosa, candidata número 8 de Podemos pola circunscrición da Coruña, destacou a “precarización de centros públicos e de profesorado”. “Temos que apostar polo ensino público da Galiza, mellorar as ratios, mellorar a atención á diversidade”, afirmou Torregrosa.

Finalmente, desde Podemos criticaron as “longas esperas” que padecen as persoas para conseguir informes de valoración da dependencia e para acceder ás axudas que lles corresponden. “Galiza ten que coidar a súa xente. E diso se trata neste programa electoral”, concluíu Faraldo.

Taxa Ortega

“Como se sosteñen todas estas medidas das que estamos a falar?”, preguntou Isabel Faraldo ao remate da comparecencia de prensa. “Pois témolo moi claro e non nos teme a voz dicíndoo: coa que chamamos a Taxa Ortega”, explicou. Desta maneira propoñen desde Podemos impostos para as grandes fortunas que suporían “1.600 millóns” que destinarían a servizos públicos.

 

Comentarios