Xustiza

O Constitucional rexeita o recurso de Alfonso Rueda contra o imposto ás grandes fortunas

Os catro xuíces conservadores do TC emitirán votos particulares contra a decisión da maioría progresista recollida en dúas sentenzas.
Alfonso Rueda, en rolda de prensa após unha recente reunión do Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, en rolda de prensa após unha recente reunión do Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

O Tribunal Constitucional aplicou doutrina e rexeitou tamén os recursos de inconstitucionalidade que presentaron a Xunta da Galiza e a de Andalucía contra o imposto ás grandes fortunas impulsado polo Goberno español, que se aplica ao patrimonio neto das persoas físicas de contía superior aos tres millóns de euros. Segundo informou esta quinta feira a corte de garantías, os maxistrados da facción conservadora Ricardo Enríquez, Enrique Arnaldo, Concepción Espejel e César Tolosa anunciaron que presentarán votos particulares contra a decisión da maioría progresista recollida en dúas sentenzas das que foron relatoras os maxistrados Juan Carlos Campo e Ricardo Enríquez.

Estaba previsto que o TC se pronunciase nesta liña, como xa o fixera o pasado 7 de novembro ao rexeitar a impugnación presentada polo Goberno de Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid. De feito, a Xunta, ante o previsíbel desta decisión, anunciou a semana pasada en sede parlamentaria a súa intención de modificar o marco legal -a través dunha emenda á lei de acompañamento dos orzamentos- para que Galiza "quede" co que recade deste imposto.

O Constitucional sentenciou respecto ao recurso de Madrid que o devandito gravame non vulnera as competencias autonómicas en materia fiscal nin resulta confiscatorio. "A queixa real da Comunidade de Madrid é que aqueles de os seus residentes cun patrimonio superior a 3 millóns de euros -únicos que están suxeitos ao imposto sobre grandes fortunas- terán que pagar o novo imposto estatal, co que Madrid perde o seu atractivo fiscal para atraer a dita riqueza ao seu territorio", dicía o auto.

O TC xa avanzou daquela que aplicaría esta mesma doutrina aos recursos pendentes contra o imposto ás grandes fortunas. Ademais de Madrid, Andalucía e Galiza, recorreu Murcia, todos eles territorios gobernados polo Partido Popular. Tanto o Executivo madrileño como o andaluz pediron que se suspendese preventivamente a aplicación do tributo, pero o Constitucional denegouno.

Votos particulares

Os votos particulares anunciados hoxe apuntan que o precepto legal impugnado é inconstitucional, en primeiro lugar, por vulnerar a autonomía financeira e política das comunidades autónomas ao neutralizar a defensa dos intereses respectivos no exercicio das competencias propias. E, en segundo lugar, porque a forma de aprobación da iniciativa lexislativa que deu lugar á Lei 38/2022 supón un "claro menosprezo ao principio democrático", aos dereitos de representación política das minorías e ao principio de legalidade tributaria.

Segundo os asinantes, o texto tamén vulneraría o principio de seguridade xurídica e a protección da confianza lexítima dos cidadáns na actuación dos poderes públicos que del se deriva, pola "sorpresiva aplicación" do imposto.

Comentarios