xoves 16.07.2020

Ana Pontón: "A familia ensinoume a loitar polo que cres"

Ana Pontón, a líder do BNG, abriu a campaña na súa vila natal, en Sarria, xunto á familia. Nós Diario acudiu ao encontro para coñecer de perto a candidata. "Que non vos estrañe se me chaman Belén", avisou en referencia ao seu segundo nome, polo que a chaman na casa. Alí foi onde comezou a tomar conciencia sobre o país, as causas xustas e a loitar polo futuro. 
Ana Pontón, xunto a súa nai, Aurita, e o seu pai, Luís, onte na súa casa natal, en Chorente (Sarria).
Ana Pontón, xunto a súa nai, Aurita, e o seu pai, Luís, onte na súa casa natal, en Chorente (Sarria).

Chorente (Sarria), a parroquia natal de Ana Pontón, foi o lugar escollido pola candidata nacionalista para iniciar a campaña. Esta sexta feira, 26 de xuño, abriu as portas da súa casa familiar, construída polo seu bisavó en 1904, para recibir os medios de comunicación e botar a ollada atrás, lembrar a cativa que medrou tomando conciencia do país desde Chorente e que hoxe aspira a ser a primeira muller e nacionalista en presidir Galiza. 

A súa nai, Aurita, e o seu pai, Luís, acompañaron onte con orgullo a súa filla. “Galiza precisa unha presidenta coma ti”, díxolle a nai, “es honrada, boa persoa, boa política, traballadora e honesta. Eu diríalles ás galegas e aos galegos que lle desen unha oportunidade votándoa, non se van arrepentir”.

“Galiza precisa unha presidenta coma ti”, díxolle a nai

E é que xa de nena, contou Aurita, Ana tiña moitas inquedanzas. “Gustáballe ler, estudar e tiña unha gran capacidade de concentración. Facía trasnadas pero era boa”. Na casa eran catro irmáns e compartir era o día a día, "mesmo as habitacións", lembrou Pontón.

“Marcoume vivir nunha familia que me inculcou o valor do traballo e do esforzo, ensináronme que para conseguir as cousas hai que esforzarse, loitar polo que cres e levar a cabeza alta, orgullosas de quen somos".

A familia tamén influíu na súa conciencia feminista, sinalou. "A miña avoa ensinoume a non aceptar discriminacións por sermos mulleres, e meu pai sempre me dixo que nunca dependese dun home e que fose unha muller independente".

"Meu pai sempre me dixo que nunca dependese dun home e que fose unha muller independente"

Desde nova tivo inquedanzas políticas ao ver "que as cousas non ían ben", e que había discriminación sobre a lingua e Galiza. No instituto viviu unha da súas primeiras loitas por mor dun conflito co director, que censurou a revista que facía con outras estudantes por levar un relato erótico homosexual redactado por un alumno. Pelexaron, buscaron financiamento pola súa conta e gañaron, facendo realidade a revista. 

Con 16 anos afiliouse á mocidade do BNG, Galiza Nova, estudou Políticas, aínda que dubidaba entre Xornalismo e Dereito, foi parlamentaria e en 2016 liderou o BNG nas eleccións galegas. Agora, catro anos despois, vese “con solidez e coñecemento do país” para presidilo.

O colectivo como referente

“Nunca fun mitómana”, confesou Ana Pontón ao ser preguntada por líderes da política que tivese como referencia. “O que máis me inspira é o exemplo colectivo de moita xente que non é protagonista”, sinalou en referencia á base nacionalista, galegas e galegos a quen responsabiliza da recuperación social e electoral do BNG. "Como na pandemia, quen me inspirou tamén foron todas esas persoas que traballaron na sanidade e servizos esenciais, como as caixeiras de supermercado", entre ás que citou a súa propia irmá. 

comentarios