O ex rexedor de Ferrol, Jorge Suárez, anuncia a súa candidatura á Alcaldía

O ex alcalde da cidade ferrolá explicou que decidiu dar este paso "con ilusión e ganas de alargar o espazo político para liderar un proxecto colectivo de esquerda para Ferrol".
Jorge Suárez, de Ferrol en Común, no anuncio da súa candidatura (Foto: Ferrol en Común).
photo_camera Jorge Suárez, de Ferrol en Común, no anuncio da súa candidatura (Foto: Ferrol en Común).

O que fora alcalde de Ferrol entre os anos 2015 e 2019, Jorge Suárez, de Ferrol en Común (FeC), volverá ser o candidato da formación á Alcaldía da cidade nas próximas eleccións municipais.

Así o asegurou o propio Suárez nunha rolda de prensa ofrecida esta sexta feira na sede do Ateneo. O ex rexedor foi o único candidato que se presentou para encabezar a lista desta formación política dentro dun proceso de primarias que se está levando a cabo e que finalizará a vindeira terza feira coa votación e ratificación da mesma pola asemblea de Ferrol en Común.

Nesta comparecencia, na cal Suárez apareceu arroupado por parte dos integrantes da formación, aproveitou para agradecer o apoio de todas as persoas que avalaron a súa candidatura.

Así mesmo, o ex alcalde explicou que decidiu dar este paso "con ilusión e ganas de alargar o espazo político para liderar un proxecto colectivo de esquerda para Ferrol".

"Fortalecer o proxecto"

Por outra parte, Suárez trasladou que "agora toca un importante traballo de fortalecer un proxecto centrado no social e no humano, que mire máis cara á cidadanía e non ás grandes multinacionais, que ofreza solucións a problemas concretos e que devolva a cultura á cidade".

Ademais, tamén sinalou que negociarán "desde xa" con outras forzas políticas que queiran acompañalos neste proxecto e asegurou que estabelecerán grupos de traballo para que actualicen un programa que contempla "un proxecto de cidade consolidado".

Neste sentido, indicou que se algo aprenderon nos últimos anos é que "o ruído non conduce máis que ao desencanto da sociedade, sobre todo á parte máis nova, afastando á cidadanía da política" e que, por iso, cre que "hai que construír deixando ao carón o ruído e ser conscientes de que a cidadanía espera que se lle poñan solución aos seus problemas cotiáns".

Concorrencia con Podemos?

A preguntas dos medios sobre se teñan previsto concorrer con Podemos nestes comicios, Suárez argumentou que agora teñen un prazo de dous meses para "estabelecer negociacións", nas cales "todo o mundo se sinta representado".

"As relacións con Podemos, despois dalgúns anos, son fluídas e o que esperamos de aquí a maio é que a lista que presentemos sexa unitaria", aseverou.

Comentarios