San Ramón declárase "afín" a Podemos mais apoia Yolanda Díaz para a Presidencia do Goberno español

"A nosa folla de roteiro é sempre que se chegue a acordos, nunca fomos un problema para chegar a acordos", manifestou o recentemente electo líder de Podemos Galicia.
Verónica Hermida, Borja San Ramón e Antón Gómez-Reino (Foto: Europa Press).
photo_camera Verónica Hermida, Borja San Ramón e Antón Gómez-Reino (Foto: Europa Press).

O recentemente electo coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, manifestou que a quen é "afín" é "a Podemos Galicia" e, por tanto, traballará para que a axenda da formación violeta "estea representada en todas as institucións", sexan o Goberno español, galego ou locais.

Con todo, e tras asegurar que ten as "competencias claras" que el ostenta (en referencia ás súas competencias na Galiza), manifestou que "non lle cabe outra cousa na cabeza" e "está convencido" que, tanto a vicepresidenta segunda do Goberno estatal, Yolanda Díaz, como as dirixentes do seu partido e do Goberno, Ione Belarra e Lilith Verstrynge, "van priorizar o que se ten que priorizar" para conseguir unha candidatura que "se traduza en Yolanda Díaz como a próxima presidenta do Goberno e Ione Belarra e Irene Montero como as súas vicepresidentas".

Nunha rolda de prensa un día despois de que se coñeceran os resultados das primarias para renovar o liderado e o consello cidadán na Galiza, San Ramón lembrou que o ecosistema deste país é "moi variado e plural" coas súas "casuísticas moi diferentes".

"A nosa folla de roteiro é sempre que se chegue a acordos, nunca fomos un problema para chegar a acordos, non é unha cuestión de postos ou de listas, senón de programas e Podemos Galicia ten que estar representada, con candidatos e programas", manifestou San Ramón.

"Sen nós non hai cambio"

Previamente, San Ramón sinalara que o cambio político na Galiza non se pode alcanzar, dixo, sen a recuperación do espazo político de Podemos no Parlamento galego. "Sen nós, non vai haber cambio político, creo que é evidente. Necesitamos achegar o noso espazo político ao Parlamento para que o PP de Rueda deixe de gobernar e poida haber un goberno de cambio e transformación neste país", afirmou.

San Ramón manifestou que é preciso un cambio político que "se poida traducir en medidas concretas para a xente". "A miña axenda é que Podemos Galicia estea representada en todas as institucións deste país", sinalou.

O líder da formación violeta na Galiza incidiu en que a intención é "chegar a acordos integradores que poidan provocar un cambio político", que "poidan achegar cambios para a cidadanía deste país".

Municipalismo

San Ramón tamén salientou que "todos somos Podemos Galicia" e fixou como "primeiras tarefas" na nova dirección, por unha parte, "falar con toda a xente e con todos os cargos da organización para 'tecer' acordos", e por outra darlle un impulso ao municipalismo para que haxa "máis gobernos de esquerdas" e que Podemos Galicia chegue ao "máximo" de representación posíbel.

Comentarios