JOSEBA PERMACH, PORTAVOZ DA ESQUERDA ABERTZALE

‘’En Euskal Herria impulsamos o noso propio proceso constituínte, sen agardar o que diga o Estado’’

Permach participa este sábado na Coruña nunhas xornadas de debate sobre o TTIP e as alternativas posíbeis fronte á un tratado ‘’que é un salto cualitativo’’. Falamos con el do tratado de libre comercio, de Euskal Herria, de eleccións e proceso de paz, entre outras moitas cousas.

Joseba Permach
photo_camera Joseba Permach

Joseba Permach (Donostia, 1969) é un dos rostros máis coñecidos da esquerda abertzale, coa que leva comprometido desde novo. Actualmente é o responsábel da Área socio-económica de Sortu e un dos dirixentes de EH Bildu. Este sábado estará na Coruña (18:30 horas, sala de actos CUR, antiga Empresariais) para tomar parte na xornada ‘Soberanía e dereito a decidir. A alternativa dos pobos ao TTIP’, unha cita organizada polo BNG e na que intervirá o seu portavoz nacional, Xavier Vence.

- Que análise se fai na esquerda abertzale do que é o TTIP e o que vai supoñer?

- A análise da esquerda abertzale (EA) é a análise que se fai no resto da esquerda europea, somos conscientes de que este tratado non é un tratado máis senón un salto cualitativo que vai crear un mercado único entre Europa e Estados Unidos. Isto vai supoñer que todos aqueles dereitos sociais, laborais, ambientais... que tanto custou conquistar á clase traballadora e ás maiorías poden acabar dun día para outro. As negociacións están a decorrer con absoluto escurantismo e os estados están a se comportar como meros colaboradores de intereses de grandes multinacionais.

- En base ao que se di no título das xornadas, é a soberanía a alternativa que pode facer fronte ao TTIP..

- Nestes anos se algo ficou claro e ben patente, polo menos no Estado español, é que a crise serviu como escusa para perpetrar un transvase de rendas do traballo cara ao capital, todo iso no marco dun proceso de ‘oligarquización’ económica e de centralización política. Medidas e decisións que se adoptan e se impoñen contra a vontade dos pobos e das persoas. A única ferramenta que temos para recuperarmos o control sobre a economía é a soberanía, reivindicamos a soberanía non como algo simplemente identitario, senón como unha necesidade urxente dos pobos para poder ser donos do seu futuro, para se libertar da situación actual onde a democracia é inexistente.

- Nesa aposta na soberanía EH Bildu vén de presentar co novo ano a iniciativa ‘Bidea Badago’, cualificándoa como a ‘vía vasca ‘cara á independencia. Que novidades presenta a respecto doutras iniciativas anteriores da esquerda abertzale tamén centradas na independencia?

- O 7 de marzo teremos un acto público multitudinario onde debullaremos máis polo miúdo en que consiste a iniciativa. Entendemos que nestes momentos hai un proceso de cambio en marcha, un proceso no que consideramos que os pobos son centrais no decorrer dese cambio. Con ‘Bidea Badago’ reivindicamos que Euskal Herria vai impulsar o seu propio proceso constituínte, sen agardar polo que teña que dicir o Estado español ao respecto. Esa é, entendo, a idea novidosa desta aposta, a de unilateralidade, a de que EH vaia tomando as súas decisións.

"Reivindicamos a soberanía non como algo simplemente identitario, senón como unha necesidade urxente dos pobos para poder ser donos do seu futuro"

- O propio Hasier Arraiz (Sortu) dixo na presentación desta iniciativa que esta ía basearse en dous alicerces: unilateralidade e desobediencia

- Basearase. Durante anos, desde a esquerda abertzale falábase de procesos co Estado onde este recoñecese o dereito á auto-determinación do pobo vasco. Mais xa vimos cal é a actitude do Estado español, e vémola de novo a respecto do proceso catalán. Aquí non é posíbel un proceso como o de Escocia. Así que debemos movernos, xa non é só reivindicar a soberanía, é dar os pasos necesarios para conquistala e sen agardar por permisos de ninguén.

- Catro anos do alto o fogo de ETA. Desde entón, seguiron detencións, houbo varios macro-procesos (sumario das Herrikos, o realizado contra 40 mozos independentistas,...), a política penitenciaria ou non se moveu ou recuou...Como valora ese escenario a esquerda abertzale?

- Facemos unha dupla valoración. Por un lado vemos como nestes catro anos en Euskal Herria asentouse unha maioría social, política, sindical... que está determinada a dar pasos para superar o conflito e para conquistar os dereitos que como pobo entendemos que temos. Mais paralelamente aí están os 500 presos vascos, o inmobilismo do Estado, a súa negativa á desmilitarización, a súa cambadela a calquera tentativa dos vascos e vascas por construírmonos o nosos propio futuro... Atopamos a cerrazón cando non xa a involución, e aí temos como exemplo a petición esta semana do Fiscal de 6 anos de prisión para Arraíz (presidente de Sortu).

"Dun día para outro pasamos a gobernar nunha Xunta Xeral (a de Gipuzkoa) e en máis de 100 concellos. Nunca cedemos ante o ‘stablishment’ político e económico e por iso sofremos ataques moi, moi duros dos medios de comunicación e do resto das forzas"

- E esa ‘cerrazón’ e ‘inmobilismo’ non mingua a vontade e ánimo da esquerda abertzale?, non pasa factura (descontento, frustración...) nas bases ese inmobilismo do Estado?

- A valoración que facemos é que o Estado nun primeiro momento apostou na ‘cerrazón’ porque pensaba que así ía rebentar o novo escenario aberto. Mais agora o Estado español é consciente de que a situación non ten volta atrás e xoga con dúas cartas: unha, a vinganza, e aí onde se sitúa a súa política penitenciaria. E outra, que procura cercenar e condicionar o proceso soberanista vasco. Mais cada vez somos máis as persoas que cremos que ese proceso soberanista propio está en marcha, e iso xera expectativas e vontades, porque é parte do vento de cambio que hai en toda Europa.

- Fala de ‘vento de cambio’... Podemos é unha formación que -segundo enquisas e sondaxes- tamén parece chamada a xogar un papel, e non menor, na política vasca, non só na española. Como ve a esquerda abertzale a irrupción deste novo actor político?

- Temos unha actitude expectante. É unha formación política nova que se está auto-construíndo, por dicilo así, e é cedo para saber cal vai ser o seu posicionamento político se ben xoga cunha certa ambigüidade tras a que se poden agachar actitudes que non partillamos. Dicía antes que vivimos tempos de cambio, e Euskal Herria, Catalunya e Galiza deben de poder decidir ao seu propio ritmo os seus propios procesos. Iso é o que nos debe importar, que unha organización que se di democrática ten que respectar eses procesos e dar a palabra a eses pobos para decidir. Xa veremos que fai. Polo momento, actitude expectante.

"O Estado mantén a aposta na cerrazón e mesmo involución na política penitenciaria e non só nela"

- En breve, cita coas municipais e xuntas xerais, nun mapa político cambiante e con novidades...

- Bildu irrompeu con forza hai catro anos. Dun día para outro pasamos a gobernar nunha Xunta Xeral (a de Gipuzkoa) e en máis de 100 concellos. Nunca cedemos ante o ‘stablishment’ político e económico que hai en Euskal Herria e por iso, por exemplo, sofremos ataques moi, moi duros dos medios de comunicación e do resto das forzas. Un exemplo foi a reforma fiscal na que apostou Bildu en Gipuzkoa, que pagasen máis os que máis tiñan, e que implicou unha verdadeira ofensiva unitaria de todas as outras forzas. Foi unha lexislatura de confrontación, mais estamos orgullosos, con todos os erros que puidésemos ter, que os tivemos, porque amosamos que se podía facer doutra forma. Agora serán as persoas quen decidan nas eleccións.

- Na política ‘española’ hai un chamado constante nestes meses desde diferentes actores políticos a facer candidaturas de ‘unidade popular’ (en euskera dise herri batasuna). Entende que EH Bildu xa supón de certo xeito en Euskal Herria esa ‘unidade popular’?

- Coas catro forzas que integramos EH Bildu fixemos unha reflexión durante todo este tempo e pensamos que é tempo dun chimpo alén dunha coligazón electoral. Necesitamos artellar mecanismos de participación e de decisión máis amplos para a xente. E si, neste sentido, seguimos a reflexionar para ter un proxecto que aglutine e inclúa a máis xente.

"Non é certo que deixásemos de lado a rúa ou o compromiso social, para nada. Somos a esquerda abertzale, nós vimos da rúa e estamos na rúa"

- Algunhas voces afirman que nesta nova etapa da esquerda abertzale houbo un centrarse de máis no traballo institucional e que se abandonou ou deixou un pouco o que é a rúa, a tarefa social...

Durante 10 anos a esquerda abertzale estivo ilegalizada, expulsada ou impedida de estar nas institucións para as que fora elixida pola xente. E un día puidemos volver a elas. E iso que significa? Se de verdade queres facer por cambiar as cousas, iso significa traballo e compromiso. E é unha adicación que se está a facer na boa dirección, pois vai polo nese camiño polo cambio e a transformación social.

Mais, en todo caso, non é certo que deixásemos de lado a rúa ou o compromiso social, para nada. Somos a esquerda abertzale, nós vimos da rúa e estamos na rúa. Non hai abandonos de tarefas nin procesos de desmobilización... Nestas semanas están a decorrer un bo feixe de mobilizacións, e a esquerda abertzale está nelas, non podía ser doutro xeito.

Comentarios