Antón Losada, profesor da USC e analista político

"Eu espero sorpresas"

É unha das voces máis autorizadas das ciencias políticas na Galiza e no Estado. Leva anos a escrutar inquéritos e a facer análises do taboleiro en distintos meios de comunicación. Colaborador de Sermos, Antón Losada analísanos como se está a desenvolver o tramo decisivo da campaña.

Antón Losada, 3 de maio de 2016

-Quen vai gañando a campaña?

-Pois a verdade é que a campaña non ten un gañador claro. Se o combate é polos indecisos e o combate é intentar medrar con respeito aos espazos que os distintos partidos e candidatos conseguiron o 20 de decembro me dá a impresión de que ninguén vai gañando. Todo o mundo o que está conseguindo é fortificar os seus espazos. Se o obxectivo desta segundas eleccións era un desempate parece que nos imos quedar con outro empate.

-E hai realmente tantos indecisos ou o que hai é ocultación de voto?

-Eu non creo que sexa ocultación, eu o que creo que pode haber é comodidade. Estamos nun ambiente en que se busca moita polarización e pode haber xente que simplesmente se declara indecisa para quitar de encima os pesados, por non ter que aturar os dun lado ou os doutro. Esa é a dúbida. A miña impresión persoal é que, e dígoo tamén polos anos que levo neste oficio, nunca hai tantos indecisos como pensamos e creo que hai moita xente que ten decidido ir votar, pero se declara indecisa simplesmente para que non lle dean a lata.

"Se o obxectivo desta segundas eleccións era un desempate parece que nos imos quedar con outro empate"

-E esperas algunha sorpresa ou non?

-Si, eu espero sorpresas. Os resultados é probábel que se parezan máis do que nos gustaría e pensamos aos do 20D, pero é posíbel que haxa variacións significativas. Todo o mundo dá por seguro o sorpasso, eu non o dou por seguro. En votos é máis seguro que en escanos, pero en escanos a cousa está aí, aí, e eu teño a impresión de que o PP está máis forte do que nos din as enquisas, non moito máis forte, pero si un pouco máis forte. Eu creo que si vai ser unha noite interesante.

-E con variacións en Galiza a respeito do comportamento estatal?

-Penso que non. En Galiza foi unha campaña un pouco estraña. Digamos que ficou bastante fóra do circuíto estatal. A presenza de líderes foi moi testemuñal e mesmo algúns como Pablo Iglesias nen se achegou por aquí. Ademais foron como se fosen unha especie de primarias das galegas, pero falta un contendente, o candidato de En Marea, así que quedou unha campaña un pouco estraña, un pouco rara. Non sabemos moi ben se estabamos nunha Operación Triunfo para sacar os candidatos máis descoñecidos de cara ás galegas ou nunhas xerais. Eu non espero variacións moi significativas, máis alá de que seguramente a distancia que hai entre En Marea e os socialistas se amplíe. Non tanto pola campaña e polas eleccións, senón polas circunstancias que acaba de pasar e está pasando o Partido Socialista en Galiza.

-E vivemos a campaña máis madrileña da historia?

-Sen dúbida. Se quitas estes últimos dous días en que está volvendo aparecer Catalunya, pero dunha maneira bastante colateral, primeiro pola lea en que se meteu Pablo Iglesias coa yenka que está bailando co referendo -hoxe si, mañá non, mañá ou quito ou o poño, eu creo que confunde o referendo coa gravata, pono e quítao coa mesma felicidade- e agora con isto do ministro do Interior e as gravacións... pero efectivamente, foi unha campaña en que, se te fixas, apenas se falou de política porque inclusive nos meios se instalou a idea de que "ben, diso xa falamos en decembro", cousa que non foi verdade, en decembro non se falou diso, e se falou fundamentalmente de políticos, de políticos e de alianzas. Isto fixo que fose unha campaña moi centrada neses dous temas que están continuamente na axenda mediática, sobre todo nos meios de Madrid. Quen vai primeiro. Quen vai segundo. Quen vai terceiro. E quen vai pactar con quen.

-E Galiza?

-Nen está nen se lle espera. Só o BNG fixo o esforzo de intentar meter Galiza en campaña e o resto nen o intentou. En todo caso, Galiza si que estivo algo en campaña. Nestas cousas tan chulas de márketing política que fai Podemos a noticia era que as caras galegas non estaban. Se iso é meter Galiza en campaña, hai que recoñecer que efectivamente a meteron [risas].

"Só o BNG fixo o esforzo de intentar meter Galiza en campaña e o resto nen o intentou"

-Por último, cres que a opinión pública española aceptaría que finalmente fose ser presidente unha persoa que non se apresentase a estas eleccións, isto é, unha figura independente?

-Non, iso é inviábel. Iso non é sostíbel.

-Non teremos un Prodi aquí?

-Non, iso non é... é impensábel... home, en política nunca se pode dicer que algo non vai pasar, pero a min paréceme unha opción completamente impensábel. Impensábel porque non é sostíbel. Non hai argumentos políticos nen económicos nen hai unha situación excepcional que nos leve a esa solución. Se cada vez que nos países que nos rodean non houbese un gañador claro tivesen que elixir un presidente independente, Europa estaría chea de presidentes independentes. Estamos convertendo en excepcional o que é normal. España é o único país de Europa onde o que é normal na política europea -que son os gobernos de coligazón e con partidos que teñen bastante distancia ideolóxica e que inclusive están confrontados- aquí parece que é algo imposíbel, excepcional. Esa é unha anormalidade da nosa cultura política e terémola que superar. Desde logo un presidente independente non creo que sexa o camiño.

Comentarios