23-X

Estas son as cifras do 23-X na Galiza: 2.688.623 votantes, 3.960 mesas e 2.350 locais electorais

O Goberno español destina 3,7 millóns ao operativo para garantir o desenvolvemento das eleccións na Galiza

Dúas persoas collendo a papeleta durante as eleccións municipais do 28-M. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Dúas persoas collendo a papeleta durante as eleccións municipais do 28-M. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Un total de 2.688.623 galegos e galegas poderán votar o próximo 23 de xullo nas 3.960 mesas distribuídas en 2.350 colexios electorais da Galiza.

Así se desprende dos datos ofrecidos pola Delegación do Goberno español no país, que destaca que un total de 79.761 galegos e galegas poderán votar por primeira vez ao alcanzar a maioría de idade.

O delegado do Goberno de España na Galiza, Pedro Branco, presidiu esta terza feira a reunión que pon en marcha a planificación loxística do seu departamento para estes comicios, nos que a Administración Xeral do Estado español ten asignadas dúas funcións específicas.

Por unha banda, tal e como informou a Delegación, prestar o soporte loxístico necesario para o exercicio do voto, incluída a seguridade de todo o proceso e, por outra, transmitir os datos de participación e escrutinio o mesmo día das eleccións. Esta tarefa reflíctese no orzamento que se destina na Galiza para a súa organización e que se sitúa preto dos 3,7 millóns.

Na reunión, o secretario xeral da Delegación do Goberno español, Alberto de la Fuente, detallou as principais cifras desta cita electoral e Pedro Branco celebrou que 472.140 galegos e galegas residentes no estranxeiro votarán por primeira vez sen necesidade de presentar ningunha solicitude previa. Estas persoas recibirán no seu domicilio a documentación necesaria para depositar o voto, ben nos locais habilitados nos países de destino ou ben por correo certificado.

Estas eleccións decidirán un total de 23 deputados e deputadas: oito na circunscrición electoral da Coruña, sete na de Pontevedra, catro na de Lugo e catro na de Ourense. Tamén elixirán 16 senadores: catro por circunscrición, á marxe dos senadores elixidos por designación autonómica. En total, proclamáronse 38 candidaturas ao Congreso e 34 ao senado.

Mesas e colexios electorais

En canto á loxística, o delegado do Goberno español destacou que a Galiza contará con 3.960 mesas distribuídas en 2.350 locais electorais.

Haberá dispoñíbeis 7.920 urnas e 3.445 cabinas para elixir as papeletas. En total, imprimíronse 29 millóns de papeletas para o Congreso e 3 millóns de papeletas para o Senado.

Estas mesas estarán atendidas por 11.880 integrantes de mesa, que xa foron seleccionados, e por 2.576 representantes da Administración, que se encargarán de verificar a correcta apertura, resolver incidencias e recoller os datos de participación e de reconto do voto.

Ademais, durante o día das eleccións, na sede da Delegación do Goberno español na Galiza e nas subdelegacións haberá persoal habilitado para solucionar calquera incidencia que poida xurdir cos representantes, a constitución das mesas ou o material, en colaboración coas xuntas electorais.

Ademais, despregaranse un total de 6.687 efectivos de seguridade, entre Policía española, Garda Civil e Policía Local.

Comentarios