23-X

Así votaron as cidades: o PP gaña en seis de sete mais só en Lugo, e coa muleta de Vox, supera a esquerda e o nacionalismo

O PSdeG consegue reter Vigo, Sumar é terceira forza en cinco urbes e o BNG avanza en seis.

A coruña eleccións estatais comicios
photo_camera Un colexio electoral da Coruña nas votacións deste domingo. (Foto: Nós Diario)

As sete cidades galegas saíron deste domingo situadas eleitoralmente máis á dereita que das votacións estatais de hai catro anos mais sen que esa virada lle dea ao PP, agás en Lugo e co apoio de Vox, para superar en porcentaxe de sufraxios ás esquerdas.

O mapa das principais urbes da Galiza deste 23-X sitúa o PP como a forza máis votada en seis delas, todas agás Vigo, onde o PSdeG resiste malia aumentar o apoio aos populares en 7 puntos. En 2019 a formación socialista foi a máis votada en cinco cidades, só Ferrol e Compostela apostaran daquela polo PP.

O espazo electoral que este domingo representa Sumar baixa en porcentaxe de votos na maioría das cidades galegas á respecto do espazo que hai catro anos estaba ocupado por Unidas Podemos e Más País. Sumar é terceira forza en cinco (Ferrol, A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo), cando UP érao nas sete.

O BNG aumenta en porcentaxe de apoios nas urnas en seis das sete cidades da Galiza, todas agás a de Pontevedra, onde se mantén en 8,8% dos votos que lograra en 2019. Daqueles comicios o nacionalismo saíra como quinta forza en catro urbes: Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense. Hoxe en día remontou en todas elas, e nas cidades luguesa e ourensá sitúase como terceira opción máis votada.

Vox é, en todas as cidades, a forza con menos apoios de entre as cinco principais. Perdeu sufraxios nas sete e nalgúns casos, como Lugo, a caída foi de case 4 puntos.

A suma de PP e Vox só supera á do PSdeG, Sumar e o BNG nunha das sete cidades galegas, Lugo. Aí dereita e extrema dereita españolista chegan entre as dúas a 51,2% na porcentaxe de voto. No resto de urbes, o escenario é o contrario: Partido Popular e os de Santiago Abascal non son quen de ter máis porcentaxe de sufraxios que o PSdeG, Sumar e BNG.

Vigo

En Vigo a formación con máis apoio este domingo foi o PSdeG, que obtivo 37,18% dos sufraxios, subindo mesmo en 0,6 puntos a respecto dos comicios de novembro de 2019. O aumento de apoios do PP (7 puntos máis que hai catro anos e 31,3% dos sufraxios) non lle chegou para gañar na cidade da oliveira. Sumar é terceira forza, con 16,3% e malia perder 3,7 puntos sobre os resultados de UP e Más País nas anteriores estatais (21% dos sufraxios). O BNG pasa de ter 6% dos votos daquela aos 8,5% deste domingo mentres que Vox cae por baixo de 5% tras perder case 2 puntos porcentuais a respecto de 6,5% dos sufraxios que logrou en 2019.

A Coruña

O PP desbancou o PSdeG na Coruña como a principal forza política nas estatais. Tivo o domingo case 40% dos votos cando catro anos atrás non chegara a 28%. Un incremento importante que lle permitiu sobrepasar os socialistas, que mantiveron os resultados da anterior convocatoria nas estatais (31%). A formación de Yolanda Díaz logrou nestas votacións 14% dos votos (UP e Más País tiveran 16,7% en 2019) e é terceira forza. O BNG aumenta de 8,3 a 8,7% dos sufraxios.

Ourense

En Ourense o PP tira do primeiro posto na cidade ao Partido socialista. Os populares obteñen 42,7% dos votos (tiveran 31,4% en 2019) e scan vantaxe ao PSdeG, que atinxiu este domingo 35,4% dos sufraxios, 2 puntos menos que catro anos atrás. O BNG é terceira forza na cidade, con case 9% dos apoios e unha suba de 2,7 puntos. En 2019 o nacionalismo fora nesta cidade a quinta opción en votos. Sumar é a cuarta, con 6,9% dos apoios nas urnas, tamén aquí por baixo do que lograran nas anteriores estatais UP e MP, que superaran 10%.

Compostela

Na capital galega o PP gañou este domingo e fóra xa unha das dúas urbes onde en 2019 os populares lograran ser primeira forza. Daquela con 31% dos votos e agora con case 42%. O PSdeG pasou daquel 28% de apoios de hai catro anos ao 25,8% do 23-X. Sumar é terceira forza, con 14% (15% lograron nos anteriores comicios estatais as forzas que hoxe están no partido instrumental de Yolanda Díaz) e o BNG aumentou os votos e abeirou o 31,1% dos apoios. Vox, pola súa parte, caeu de 6,2 a 3,7%.

Lugo

A das murallas é a única cidade galega onde a suma de PP e Vox superaría en porcentaxe á do PSdeG, Sumar e o BNG. Entre dereita e ultra españolismo lograrían 51,2% dos sufraxios. En Lugo o PSdeG gañara ao PP en 2019 por só 21 votos. Ambas as dúas formacións tiveran 32,9% dos apoios nas urnas. Non houbo igualdade este domingo: o PP tivo 46,8% e o PSdeG 32,8%. O BNG, que en 2019 foi quinta forza, saíu das votacións do 23 de xullo como terceira, con 8,7% dos sufraxios, case 1 punto máis que daquela. Sumar tivo aquí o seu resultado máis baixo entre as sete cidades, con 5,7% das papeletas.

Pontevedra

O PP tamén desbancou o PSdeG como primeira forza en Pontevedra nunhas estatais. 39,8% dos votos os primeiros por 31,9% os segundos. O PP aumentou 11 puntos a respecto de 2019 e os socialistas 0,4 puntos. Sumar é terceira forza, con 12,7%, e o BNG logrou 8,8% dos apoios.

Ferrol

Por último, tamén Ferrol pasou da cor vermella do PSdeG en 2019 á azul do PP en 2023. Os populares subiron en 10 puntos e chegaron a 38,7% dos votos e os socialistas perderon 1,8, baixando até 29,4. Sumar logra en Ferrol os seus mellores resultados nas cidades galegas, con 17%, aumentando mesmo a respecto dos que lograra Unidas Podemos e Más País en 2019 (15,9%). O BNG aumentou 1 punto en apoios e tivo 7,7% dos votos. Vox perdeu 3 puntos.

Comentarios