O Estado español vendeu armas a Israel por valor de máis de nove millóns de euros en 2022

A secretaria de Estado de Comercio, Xiana Margarida Méndez, presentará a vindeira terza feira na Comisión de Defensa do Congreso o informe de exportacións de material de defensa e dobre uso.
Unha muller e unha crianza feridas na Faixa de Gaza nun bombardeo israelí en novembro de 2023 (Foto: Naaman Omar / Zuma Press).
photo_camera Unha muller e unha crianza feridas na Faixa de Gaza nun bombardeo israelí en novembro de 2023 (Foto: Naaman Omar / Zuma Press).

A secretaria de Estado de Comercio, Xiana Margarida Méndez, presentará a vindeira terza feira na Comisión de Defensa do Congreso o informe de exportacións de material de defensa e dobre uso elaborado por este organismo correspondente a 2022. Segundo este traballo, ese ano Israel recibiu material de defensa por valor de 9.292.435 euros.

Nesta comparecencia, o BNG, ERC, Bildu, Sumar e Podemos pedirán contas ao Executivo estatal pola venda de material de defensa e armamento a Israel, un asunto que xera malestar entre estas formacións pola ofensiva sobre a Faixa de Gaza e a represión sobre a poboación palestina en Cisxordania e Xerusalén, unha situación que cualifican de "xenocidio".

Estas forzas políticas reclamaron en múltiples ocasións que se suspendan as exportacións e o envío de armas a Israel, mentres que o Goberno recalca que o Estado español non fecha acordos deste tipo co israelí desde outubro de 2023, cando comezou a ofensiva sobre a Faixa de Gaza. Máis de 30.000 persoas morreron xa a causa destes ataques.

O Goberno estatal e estas forzas políticas consideran que a actuación de Israel non se axusta ao Dereito Internacional nin respecta os Dereitos Humanos. O xefe do Executivo español pediu reiteradamente un cesamento do fogo permanente en Gaza e traballar pola solución dos dous Estados para facer viábel que a poboación palestina e a israelí convivan pacificamente. Con todo, organizacións como o BNG piden medidas máis contundentes, como a rotura das relacións diplomáticas con Israel mentres continúe o “xenocidio”.

Licenzas xa concedidas

A última vez que o Goberno estatal se referiu á venda de armamento a Israel foi a semana pasada, durante a sesión de control no Congreso, nunha pregunta que a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, dirixiu ao ministro español de Economía, Carlos Cuerpo.

Belarra lembrou que a lei que regula o comercio de armas "estabelece explicitamente" a suspensión ou denegación de "calquera transferencia de material de defensa cando existan indicios racionais de que se poden estar a vulnerar os Dereitos Humanos", requisito que, segundo denunciou, estase a cumprir.

Tamén acusou o Executivo estatal de "mentir" por continuar vendendo armas a Israel en decembro, segundo publicacións en medios de comunicación, e reprochou tamén que o Estado español compre material a este Estado. "O noso diñeiro vai directamente a financiar un xenocidio", afirmou a dirixente de Podemos.

Pola súa parte, Cuerpo recalcou que o Goberno español "non concedeu ningunha licenza de exportación de armamento ou de equipamento a Israel que poida ser utilizada no conflito desde outubro [de 2023]". Sobre o envío de decembro, xustificou que a licenza foi concedida antes da data mencionada e clarificou que se trata "dunha reexportación que termina en Filipinas". Así, aconsellou a Belarra "ir un pouco máis aló".

Comentarios