Sumar Galicia non se fixa prazos para a elección de candidaturas

Marta Lois ve a candidatura galega como "unha panca de cambio" para un goberno galego progresista

Marta Lois no acto deste sábado en Santiago (Foto: Sumar Galicia)
photo_camera Marta Lois no acto deste sábado en Santiago (Foto: Sumar Galicia)

A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, non fixa un prazo para a formación do grupo galego ante un posíbel adianto electoral e incide no debate previo á elección de candidatas e candidatos.

Este sábado, antes de comezar un acto na Facultade de Comunicación da USC en Santiago, Lois volveu incidir en que primeiro ten que haber un programa, un diálogo, e despois "a definición das candidaturas".

A portavoz de Sumar asegurou, ademais, que en Sumar "estamos convencidos de que Sumar Galicia vai ser panca de cambio, é a condición de posibilidade para que haxa un cambio de goberno".

Ante a posibilidade dun adianto electoral na Galiza e a creación do grupo a portavoz de Sumar no Congreso, Lois remarcou que "aínda non están convocadas as eleccións" e que o importante é facer primeiro un programa e logo as candidatas e os candidatos.

Con todo, Lois remarcou que "están convencidas" de que é unha forza política que "vai alargar o espazo progresista" e de que é "o principio da fin de toda unha etapa de deixamento e de parálise política na Galiza".

Rueda “sen proxecto”

En relación ao PP, Lois cre que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "non ten proxecto" e recorre a "antigas e vellas receitas neoliberais" de baixar impostos e "outro tipo de ocorrencias políticas" que, para Lois, enmárcanse en recursos de precampaña electoral.

"Non hai un proxecto político, non hai un goberno con rumbo, por iso creo que é o momento e hai oportunidades para alargar o espazo progresista", sinalou.

Máis en POLÍTICA
Comentarios