VE UN “AVANZO” NA úLTIMA PROPOSTA DE SáNCHEZ

Errejón racha o seu silencio e di non partillar “todas as decisións” de Iglesias

Ao decimocuarto día Errejón retomou a palabra. Fíxoo despois da xunta de portavoces e non defraudou as expectativas criadas: afirmou non partillar todas as decisións de Pablo Iglesias e cualificou de “avanzo” a proposta de Sánchez de ir a un goberno con presenza de Podemos e Cs.

errejon
photo_camera Íñigo Errejón

“É obvio que eu non partillo a destitución de Sergio Pascual”, dixo Errejón ao ser interpelado pola imprensa a respeito do cesamento do seu home de confianza, o secretario de Organización destituído de forma sumaria por Pablo Iglesias por o reputar como demasiado inclinado ás teses errejonistas.

O secretario de Políticas de Podemos e portavoz do grupo parlamentar non dá un paso atrás e mantén o seu perfil dentro do partido: “Non partillo todas as decisións do meu secretario xeral”. As diferenzas entre ambos dirixentes teñen a ver co proxecto estratéxico para a formación morada: Iglesias ve Podemos ancorado á esquerda do PSOE -isto é, como unha Izquierda Unida aggionarda-, mentres que Errejón quer un partido máis centrado e con disposición de disputar o voto moderado a PSOE e Cs.

Errejón quer un partido máis centrado e con disposición de disputar o voto moderado a PSOE e Cs

O discurso de Errejón abalou entre a retórica a prol da cohesión interna dentro de Podemos -“por cima [das diferenzas] está a lealdade a un proxecto moi fermoso”- e a afirmación dun discurso propio. Isto último foi moi evidente cando avaliou os últimos movimentos de Pedro Sánchez. Nese sentido, dixo ver un “avanzo” na proposta realizada polo secretario xeral do PSOE de ir a un goberno que inclúa ministros de Podemos e Cs. En principio, esta tese tripartita non tería o apoio de Iglesias. O propio Errejón velle problemas: a dificuldade estaría en que o executivo tería de ser “coherente” e “non se pode contentar os dous”.

Para que non ficasen dúbidas a respeito da súa posición, Errejón deitou un chío con posterioridade á conferencia de imprensa para esclarecer que a súa fórmula favorita non sería un tripartito e si un goberno á valenciana -isto é, de coligazón PSOE-Podemos. A variante sería que aceitaría un apoio -ou unha abstención- de Cs.


Comentarios