COOPERATIVA POLíTICA GALEGA

Equo e Espazo anuncian o comezo dunha confluencia para “reagrupar a esquerda verde e transformadora”

O proceso de confluencia será debatido nas asembleas de ambas as dúas forzas, e culminaría nunha asemblea de confluencia o próximo sábado 21 de maio. 

Segue a recomposición do mapa político galego. Agora son Equo Galiza e Espazo [Ecosocialista] os que anuncian que se abre un proceso de confluencia política “para o reagrupamento da esquerda verde e renovadora”. A Mesa Nacional de Equo e o Consello Dinamizador de Espazo iniciaron conversas para avanzar na construción dese “referente”.

O proceso de confluencia, que será debatido nas próximas semanas polas persoas de ambas organizacións e aprobado polas asembleas de ambas as dúas forzas, culminaría nunha asemblea de confluencia o próximo sábado 21 de maio. As direccións de Equo Galicia e Espazo están a traballar no relatorio político e no modelo organizativo que enmarquen esta confluencia da esquerda verde galega nunha Cooperativa Política Galega.

Para ambas as dúas forzas correspóndelle ás Mareas municipalistas, agrupadas en Mareas en común, ser o único espazo de construción de unidade popular sustentada no principio de democracia radical de “unha persoa, un voto” en pé de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte e ao que se poden incorporar colectivos políticos e sociais.

Comentarios