luns 13.07.2020

As enquisas entran en precampaña

A próxima será unha fin de semana ateigada de enquisas electorais. Mentres a precampaña entra nunha nova fase marcada pola evolución actual da pandemia, o PP segue lanzado en convencer por todos os medios o electorado de que non hai alternativa. Porén, o partido está aberto e calquera resultado é posíbel.
Colexio electoral en Burela (Carlos Castro Europa Press)
Colexio electoral en Burela (Carlos Castro Europa Press)

As empresas de sondaxes non dan tregua ás galegas e galegos. Aos clásicos traballos de Sondaxe súmanse estes días as enquisas de Gad 3, Sociométrica, Celeste, DYM, 40 DB, NC Report e Invimark. A maioría delas están promovidas por diversos grupos de comunicación que contratan habitualmente os seus traballos sociolóxicos a estas compañías. Porén as formacións políticas están realizando as súas propias sondaxes, nalgúns casos coas compañías xa citadas. Así, por exemplo, Gad 3, a consultora propiedade do analista de cabeceira do Partido Popular e de Pablo Casado, Narciso Michavila, deu a coñecer o seu primeiro traballo a pasada segunda feira nas páxinas do xornal ABC.

A práctica totalidade das compañías aínda están en fase de recollida de datos e ningunha delas ten o seu estudo concluído de maneira definitivo. Segundo puido saber Nós Diario, en conversa con algunha das persoas que están traballando nas sondaxes, "o labor é moi complicado nesta ocasión porque as persoas entrevistadas expresan moitas dúbidas nas súas respostas, as súas contestacións son contraditorias, non deixan claro a súa participación electoral e a porcentaxe de voto declarado é moi baixo". Nesta liña, o membro dunha empresa con moita experiencia na Galiza recoñece que "os cambios de opinión dunha semana para outra son moi bruscos e prodúcense con moita rapidez".

As dificultades para facer prognósticos electorais nesta conxuntura son maiores que nunca. As empresas recoñecen que teñen diante de si un escenario inédito e que carecen de marcos comparativos para extrapolar conclusións, se ben consideran que os contextos convulsos como o actual acostuman impugnar as pautas habituais de conduta electoral. Ao tempo, sinalan que cada día son máis as persoas que agardan á última semana de campaña para decidir o sentido do seu voto, tal e como vén acontecendo na práctica totalidade dos procesos electorais dos últimos anos. A mostra máis recente disto atópase nos comicios estatais de novembro de 2019, onde 30% das persoas decidiron o seu voto na derradeira semana e 10% nas últimas 48 horas.

A fiabilidade das enquisas depende da capacidade para determinar a porcentaxe de participación. A totalidade dos traballos actualmente en elaboración apuntan a unha baixa importante da participación electoral, cuxo alcance vai estar determinado polo comportamento da pandemia, até o punto de ser moito maior da prevista en caso de rebrote. A este respecto, un directivo dunha empresa consultora recoñece que "a ausencia de aproximacións máis ou menos fiábeis aos índices de participación complican moito o noso traballo, ao impedirnos facer extrapolacións. Se non acertas nos datos de participación, a enquisa falla".

Dúbidas sobre as enquisas

As enquisas públicas e privadas son cada día máis cuestionadas desde diferentes sectores da opinión. Os fracasos certificados por moitas delas desde 2015 levan a pór en dúbida as súas auténticas motivacións, até o punto de considerar que as súas intencións reais responden a orientar o voto. Neste sentido, unha parte da politoloxía considera que as enquisas que chegan ao gran público a través dos medios de comunicación non pretenden facer unha radiografía do estado de opinión social, nin adiantar as tendencias que se van conformando entre as votantes a medida que se achegan os comicios, senón mobilizar o electorado coincidente coa súa liña editorial, desmobilizar aqueloutro que non é confesional e condicionar e influír no sentido de sufraxio das persoas indecisas.

"As sondaxes convertéronse en armas de guerra electoral, dispostas a certificar, cunha pretendida neutralidade científica, os escenarios políticos que interesan aos grupos económicos, políticos ou mediáticos que as financian ou encargan", sinala a Nós Diario unha analista dunha empresa de consultaría política que observa con preocupación como "a maioría das enquisas que chegan ao gran público dimitiron da súa función como instrumentos destinados a recoller datos mediante unha mostra representativa, empregando os procedementos propios dunha investigación descritiva".

As dúbidas sobre os estudos de opinión afectan aos elaborados desde os organismos públicos. As críticas recorrentes aos traballos do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) e á súa utilización partidista por parte do equipo de Goberno non son un fenómeno novo. Nestes momentos, o CIS traballa na preparación dunha sondaxe sobre as eleccións galegas, cunha mostra moi importante.

comentarios