O BNG pregunta no Congreso polo custo das "vacacións" do rei emérito en Sanxenxo

Está previsto que Juan Carlos I aterre en Vigo ás 19 horas desta quinta feira para logo desprazarse a Sanxenxo. Alí o agarda xa a infanta Elena.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou esta quinta feira que rexistrará na Camára baixa unha iniciativa a través da que preguntará polo custo das "vacacións" do rei emérito, Juan Carlos I, en Sanxenxo.

Díxoo nunha rolda de prensa na que aproveitou para cualificar de "vergoñentas" as declaracións efectuadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas que asegurou que a visita do emérito puña "no mapa" a Galiza.

"Non sei se quere pór a Galiza no mapa da corrupción e das tramas internacionais de tráfico de armas", preguntouse Rego, que subliñou que o país "está no mapa desde hai moitos séculos, concretamente desde o ano 410, co primeiro reino no ámbito do imperio romano".

E desde entón, apuntou, "continúa no mapa polo traballo e a honradez de todos os galegos, e o que non necesitamos é que se nos coñeza por dar acollida a corruptos e persoas que representan os elementos menos democráticos do réxime do 78".

Rego explicou que, "máis aló deste rexeitamento" que o BNG "comparte coa maioría da sociedade galega" de que "o Borbón non é benvido", rexistrará unha iniciativa no Congreso para preguntar polo custo das vacacións do "Borbón fuxido en Sanxenxo".

"Queremos saber canto custa o transporte e a seguridade, que supomos que non é pequena, para os días que este señor vai estar no noso país e no Estado español", apuntou.

O deputado do Bloque asegurou que o rei emérito fuxiu "para evitar actuacións da Xustiza española", que, segundo indicou, ao arquivar as causas demostrou "que era falso que a Xustiza é igual para todos".

"É tremendo que despois de burlarse de toda a cidadanía do Estado Español aínda lle teñamos que pagar as vacacións", incidiu.

Juan Carlos I chega esta quinta feira

Está previsto que o voo de Juan Carlos I procedente de Abu Dhabi aterre en Peinador (Vigo) contra as 19 horas desta quinta feira, para posteriormente desprazarse a Sanxenxo. A infanta Elena chegou ás 17 horas ao mesmo aeroporto para reunirse co emérito.

Comentarios