28-M

As eleccións municipais en Pontevedra, a debate en 'Nós Diario'

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Comezamos por Pontevedra recollendo as opinións do alcalde e candidato do BNG á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores; o candidato do PSdeG-PSOE, Iván Puentes Rivera, e o do PP, Rafael Domínguez Artime.
De esquerda a dereita, Miguel Anxo F. Lores (BNG), Iván Puentes (PSdeG) e Rafael Domínguez (PP).
photo_camera De esquerda a dereita, Miguel Anxo F. Lores (BNG), Iván Puentes (PSdeG) e Rafael Domínguez (PP).

A veciñanza de Pontevedra determinará o rumbo da cidade para os próximos catro anos o domingo 28 de maio. O 'modelo Pontevedra' en materia de mobilidade e urbanismo', a promoción do emprego ou, con especial énfase, o futuro da factoría de Ence na ría preséntanse como algúns dos principais retos para as que as distintas formacións políticas presentarán as súas propostas ao longo desta campaña electoral.

Co obxectivo de coñecer os seus programas electorais e ámbitos prioritarios de actuación no caso de acceder ao goberno após os vindeiros comicios, Nós Diario contacta co actual alcalde e candidato do BNG á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores; o candidato do PSdeG-PSOE e hoxe concelleiro de Desenvolvemento Sostíbel, Iván Puentes Rivera, e o do PP, Rafael Domínguez Artime.

Miguel Anxo F. Lores (BNG): "Seguiremos facendo avanzar Pontevedra, se cabe con maior ritmo e decisión"

O rexedor pontevedrés e candidato á reelección, que opta a un sétimo mandato, ten clara a súa receita: "Avanzar, avanzar e avanzar, se cabe con maior ritmo e decisión". "Avanzar por un camiño xenuinamente galego, por un camiño xenuinamente pontevedrés, mirando o mellor que se fai no mundo, pero sempre adaptado e integrado na nosa realidade", precisa. Fernández Lores fai unha lectura positiva dos seus 24 anos á fronte do Goberno local, ao que chegou en 1999 a unha cidade, asegura, "gris, triste e enferma, onde era difícil vivir".

"Conseguimos transformala nunha cidade amable, dinámica, segura, accesible, respectuosa co medio, nunha cidade referente no mundo e da que todos os pontevedreses e pontevedresas se senten  orgullosas. Adiantamos a problemas e solucións que despois nos venderon e seguen a vender dende Madrid como 'modernidades': Recuperación da memoria histórica, avance nos novos sectores da economía, rexeneración e posta en valor do patrimonio cultural e ambiental e outros varios nos que fomos pioneiros con décadas de adianto", salienta.

Iván Puentes (PSdeG): "Sempre quixemos ir máis alá do cemento e logramos ser pioneiros"

Iván Puentes Rivera, actual concelleiro de Desenvolvemento Sostíbel, encabeza nestes comicios a lista do PSdeG-PSOE en Pontevedra. O seu balance é tamén satisfactorio: "Son 24 anos dun proxecto compartido entre BNG e PSOE que transformou a cidade. Pontevedra foi pioneira na peonalización e recuperación do espazo público, algo que os socialistas tivemos moi claro e practicamos durante os 12 que tivemos as competencias de urbanismo, pero nós sempre quixemos ir máis alá do cemento e por iso nos empeñamos e logramos ser pioneiros, tamén, na defensa das persoas e dos seus dereitos".

Se as urnas así o decretasen, como alcalde buscaría actuar sobre "catro necesidades básicas": "a integración dos ríos e dos espazos naturais na cidade e a transición do cemento ao verde; o desenvolvemento dun modelo de mobilidade baseado fundamentalmente no uso da bicicleta e no transporte colectivo; a xeración de actividade económica e de emprego coa captación de industria verde, e a implantación dunha verdadeira cidade 8-80, tan válida para as necesidades dos máis pequenos como dos máis maiores".

Rafael Domínguez (PP): "A cidade ten moito potencial pero precisa un cambio de rumbo"

A papeleta do Partido Popular volverá levar este ano no primeiro posto o nome de Rafael Domínguez, quen, se ben valora que durante o Goberno de Fernández Lores houbo "avances nalgúns aspectos nos primeiros anos, como a peonalización do centro histórico, xa formulada polo anterior alcalde, Juan Luis Pedrosa", considera que "o modelo de Lores en 1999 non ten nada que ver co Lores actual". "Hoxe o modelo que impera e o de Raíña Victoria: péchanse rúas por imposición, de costas á cidadanía e usando mentiras para xustificarse", sinala.

"A pesar de ser unha cidade con moito potencial, quedou atrás en comparación con outras cidades de Galicia", lamenta o candidato do PP, que afirma que é necesario un cambio de rumbo para que Pontevedra se poña ao nivel das súas veciñas, aproveitando as súas oportunidades e converténdose nun referente de progreso e calidade de vida".


O futuro de Ence

No que atinxe á recente sentenza do Tribunal Supremo que avala a permanencia de Ence en Lourizán, o actual alcalde é rotundo e apela a "unha cuestión de principios" na súa mensaxe: "Mentres o BNG goberne o Concello de Pontevedra utilizaremos todos os medios que estean ao noso alcance para conseguir ver a ría recuperada e a disposición de todos os veciños e veciñas", sostén, lembrando o incidente de nulidade presentado polo Goberno local contra o citado veredicto.

Tamén fóra da ría, mais "aquí, en Pontevedra", é onde sitúan a pasteira desde o PSdeG, que pretende que a factoría "siga creando emprego aquí, pero nunha localización axeitada". Porén, matiza a respecto do seu emprazamento na ría, "a sentenza do Supremo era a esperanza de que o traslado dentro de Pontevedra fose, por fin, unha realidade, pero o alto tribunal resolveu inesperadamente a favor da empresa".

Especialmente crítico coa posición do Executivo pontevedrés, pola contra, é o Partido Popular, que ve unha "cruzada" do Concello contra a empresa. "Non entendemos nin apoiamos a posición do Concello de Pontevedra e do Goberno central neste asunto. Por sorte, a realidade di que estamos ante unha nova oportunidade para seguir avanzando na Galicia industrial que estamos construíndo", salientan desde a formación.

Comentarios