Alcalde de Pontevedra e candidato do BNG á reelección

Miguel Anxo F. Lores: "Seguiremos facendo avanzar Pontevedra, se cabe con maior ritmo e decisión"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde desde 1999, repite nestes comicios como candidato do BNG en Pontevedra.

O alcalde de Pontevedra, 
Miguel Anxo Fernández Lores (Foto: Xan Carballa).
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Xan Carballa)

—Que balance fai dos 24 anos que leva á fronte do Goberno de Pontevedra? Como  mudou a cidade neste tempo?
Conseguimos transformar unha cidade gris, triste, enferma... onde era difícil vivir, nunha cidade amable, dinámica, segura,  accesible, respectuosa co medio, nunha cidade referente no mundo e da que todos os pontevedreses e pontevedresas se senten  orgullosas.

Adiantamos a problemas e solucións que despois nos venderon e seguen a vender dende Madrid como “modernidades”: Recuperación da memoria histórica, avance nos novos sectores da economía, rexeneración e posta en valor do patrimonio cultural e ambiental e outros varios nos que fomos pioneiros con décadas de adianto.

Na Galiza fomos quen de buscar as nosas propias solucións e ter un modelo de cidade, unha forma de vivir a cidade do máis avanzado do mundo.

—No caso de continuar na Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións  prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Avanzar, avanzar, avanzar, se cabe con maior ritmo e decisión. Avanzar por un camiño xenuinamente galego, por un camiño xenuinamente pontevedrés, mirando o mellor que se fai no mundo, pero sempre adaptado e integrado na nosa realidade. Avanzar en ter unha cidade e un rural de elevada calidade de vida. Avanzar en que todas as veciñas e veciños de Pontevedra sexan tratados coa máxima equidade. Avanzar en lograr que Pontevedra sexa referente mundial en cada vez máis ámbitos. Estimular e aproveitar a explosión de creatividade. Avanzar nun concello con un grande dinamismo social, económico, cultural e deportivo, pondo en valor todas as nosas potencialidades, vendo Santa Clara, A Ría, A Xunqueira, o Monte, a pleno rendemento. Avanzar nunha nova xeira de infraestruturas e de ver rematada a Circunvalación. Avanzar nunha ecoloxía urbana de vangarda, da economía circular e de outras medidas contra o  cambio climático. E converter ao Museo de Pontevedra no que sempre debeu ser, o Museo Nacional de Galiza.

Mentres o BNG goberne o Concello utilizaremos todos os medios ao noso alcance para recuperar a ría

—O Tribunal Supremo vén de avalar a permanencia de en Lourizán, unha cuestión que  desde hai anos divide á cidade. Debe o Concello abandonar a vía xudicial e acatar a  sentenza, priorizando o argumento do emprego xerado directa e indirectamente, ou  ben continuar a loita nos tribunais, tendo en conta o dano ambiental que segue a  causar na ría?
Nós xa dixemos que mentres o BNG goberne o Concello de Pontevedra utilizaremos todos os medios que estean ao noso alcance para conseguir ver a ría recuperada e a disposición de todos os veciños e veciñas. De feito, xa temos presentado un incidente  de nulidade contra a sentenza do Supremo e contratado un bufete de avogados  especializado que, xunto cos servizos xurídicos municipais, están estudando todas as  vías abertas.

É unha cuestión de principios e nunca renunciaremos nin desistiremos, por moito Tribunal Supremo e moito poder fáctico en conivencia co P.P. que teñamos enfronte. O de pregarse aos seus designios é cousa do PP e PSOE, nunca do BNG.

—Que medidas adoptaría en materia de promoción do emprego?
Pois todas as que están ao alcance do Concello. Sempre digo que se a Xunta do P.P. nos traspasara as competencias e os recursos, Pontevedra sería unha potencia enorme económica.

Se, coas limitadas competencias e cos escasos recursos, temos actualmente máis de 50.000 postos de traballo para unha poboación de 83.000 habitantes, se a Xunta colaborara ou transferira as competencias e os cartos, Pontevedra sería imparábel economicamente e en creación de emprego. No BNG sabemos como dinamizar economicamente as cidades e vilas de Galiza. A pesares das trabas da Xunta, somos quen de facelo.

Nin teremos que comprar coche novo nin pagar para circular na cidade

—Como ve a situación en canto a mobilidade urbana na cidade de Pontevedra?
Pontevedra atópase neste momento nunha situación privilexiada: é unha das moi  poucas cidades do Estado co seu PMUS aprobado e a súa ZBE xa deseñada e ratificada, na que nin teremos que comprar coche novo nin pagar para circular na cidade, e iso é  porque levamos máis de 20 anos facendo os deberes no que ten que ver coa mobilidade  sustentable. E nesta dirección seguiremos avanzando.

Equidade elevada e capacidade de deseñar e aplicar solucións avanzadas e novidosas mostradas na práctica.

—Cales son as súas propostas relativas aos servizos sociais?
Desde o BNG entendemos que os servizos sociais deben ser un dereito universal, e que  polo tanto, debería estar garantido o seu acceso pola Xunta, que é quen ten as  competencias.

Máis alá diso, o Concello fará todos os esforzos para garantir uns servizos sociais de  calidade, coidando especialmente aos maiores, con programas interxeracionais,  priorizando o Servizo de axuda no fogar, afortalando e traballando co tecido de  entidades sociais existentes, impulsando os programas de inserción social, a Unidade de  axuda á drogodependencia...Porque se algo ten Pontevedra é que é unha cidade que  coida á súa veciñanza, desde a infancia á vellez.

Quen se dea unha volta por Pontevedra percibirá inmediatamente esas “infraestruturas verdes”, pero xenuínas e axeitadas á nosa realidade

—O impulso de infraestruturas ‘verdes’ en núcleos urbanos está na axenda de moitos  Gobernos de cidades. Que opina en termos de  infraestruturas no Concello de Pontevedra e acerca das necesidade de impulsar políticas ‘verdes’.
Levamos 24 anos impulsando o que hoxe chaman políticas e “infraestruturas verdes”. Neste campo tamén levamos décadas de adianto porque unha das compoñentes básicas do nacionalismo galego é a defensa e posta en valor do noso medio. Quen se dea unha volta por Pontevedra, tanto pola cidade como polo rural, percibirá inmediatamente esas “infraestruturas verdes”, pero xenuínas e axeitadas á nosa realidade, bastante diferentes ás propostas serodias que circulan con solucións alleas (madrileñas ou levantinas) e disfuncionais que tenta poñer de moda a “progresía” española.

Comentarios