Educacion 'inaugura' o cambio de nome dun IES de Ourense

Baixo a escusa dunha homenaxe a Marcos Valcárcel, o gabinete de comunicación deste departamento convocou a prensa para "presentar oficialmente" o novo nome do centro de ensino da Carballeira. Ao acto, ademais do conselleiro, acudiron o delegado da Xunta en Ourense, o alcalde da cidade, a xefa territorial de Cultura e Educación, e o vicepresidente da Deputación

A cadea de recortes que o Goberno español vai sacando adiante --cuxo último elo foi a tesourada de 3.000 millóns na Educación-- deixaron en branco o calendario de inauguracións. Porén, o titular de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, convocou nestes días a prensa a través do seu gabinete de comunicación para inaugurar --"presentar oficialmente", segundo a nota-- o novo nome dun instituto de Secundaria.

Argumentando que se trata dunha homenaxe ao xornalista e escritor Marcos Valcárcel, falecido en 2010, Educación anunciou que o IES A Carballeira, en Ourense, levaría o seu nome. Xa o levaba a biblioteca do centro, a cuxo acto de inauguración asistira Valcárcel. No acto, Jesús Vázquez estivo acompañado da equipa directiva do centro, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez --PSOE--, a xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mercedes Gallego, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández. Houbo discursos, posado para os medios gráficos ao destapar a placa co novo nome e unha presentación tipo 'power-point'.

Con este acto, a consellaría de Educación di que "volve dar conta do seu recoñecemento para cos docentes e intelectuais galegos". Vázquez aproveitou a ocasión para repetir que o RD 14/2012 terá "unha incidencia mínima" na Galiza --dando a entender que si será aplicado--, e rebaixou importancia á folga convocada no ensino o vindeiro martes "porque só está amparada por un sindicato", referíndose a Comisiones Obreras. Nada dixo da manifestación en defensa da Educación --e da Sanidade-- pública que hai convocada para o vindeiro 3 de xuño, apoiada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e que se prevé multitudinaria.

Comentarios