“Proceso de perda constante de principios e valores”

Duro comunicado de Anova contra a dirección de En Marea

A Coordinadora Nacional de Anova, o seu máximo órgano entre asembleas, concluíu este sábado cun duro comunicado en que fala abertamente de “crise” de En Marea e denuncia a “perda constante de principios e valores cos que naceron os procesos de unidade popular en Galiza”.
 

coordinadora nacional anova 26 de maio
photo_camera Imaxe da Coordinadora Nacional de Anova.Foto: Anova.

O documento é un ataque directo contra a dirección de En Marea, encabezada por Luís Villares -tamén portavoz parlamentario- e co apoio fundamental de Cerna -escindidos no seu día de Anova. “Nun contexto de loita social na rúa, co avance da ultradereita e cun Goberno galego que colabora no espolio”, afirma, “a dirección de En Marea centrou as enerxías da organización en cuestións internas, menores e afastadas das necesidades da xente”.

O caso Paula Quinteiro desatou as desavinzas entre as diferentes correntes e partidos que conflúen en En Marea. A deputada identificouse como tal nun incidente nocturno coa Policía Local de Compostela. Durante tres meses, En Marea debateu e discutiu sobre o futuro da parlamentaria. A dirección quere que dimita alegando cuestións “éticas” e mesmo chegou a convocar unha consulta entre as persoas “inscritas”. Nela participaron un tercio do censo, que apoiaron a tese de Villares.

Mais a maior parte de Anova, Podemos, Esquerda Unida, 11 dos 14 deputados do Hórreo, as mareas das tres cidades e os referentes públicos de máis envergadura consideraron que a dirección de En Marea inchou o asunto por “intereses de parte”. O propio Xosé Manuel Beiras refrendou de entrada a Villares, aínda que este sábado fixo parte da Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista que emitiu o contundente comunicado.

“Cando unha organización está tan lonxe das demandas dos que a apoiaron no seu momento para ser voz da indignación, non cumpre cos obxectivos para os que naceu”, engade o texto, que chama “a reconducir esta situación de xeito inmediato a través dun proceso colectivo aberto onde participen mareas, colectivos sociais, organizacións e persoas que aposten pola reconstrución dun espazo de unidade popular galego que debe de ser plural, mestizo e de ruptura”.

Quen tamén asistiu á xuntanza do órgano foi o alcalde de Teo, Rafa Sisto, que hai dous días abandonou a súa condición de inscrito en En Marea con fortes críticas á deriva do “espazo de confluencia”.

Comentarios