18-F

Democracia Ourensá é terceira forza en seis municipios, por diante do PSOE, e cuarta en 68

Logra irromper como o cuarto partido máis votado en toda a circunscrición

Armando Oxea (DO), o pasado domingo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Armando Oxea (DO), o pasado domingo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Democracia Ourensá foi a terceira lista máis votada en seis municipios da circunscrición de Ourense, nos que obtivo máis apoios que o Partido Socialista, e situouse como cuarta forza en 68 localidades, por diante do ultraespañolista Vox e Sumar.

En concreto, a formación liderada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, obtivo na provincia un total de 15.312 votos (o 8,87%), o que lle permitiu conseguir un escano, que ocupará Armando Oxea, e ser a cuarta forza no conxunto da circunscrición.

Democracia Ourensá foi terceira forza na propia cidade das Burgas, Vilamarín, Barbadás, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar (todas elas localidades da comarca de Ourense) e Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda), nos que quedou por diante do PSOE.

Aínda que non foi a lista máis votada en ningún municipio, impúxose como a cuarta con máis apoios en 68 localidades, nas que quedou por diante de formacións como Sumar e Vox.

Mentres que na Gudiña (comarca de Viana), A Veiga (Valdeorras), Avión (O Ribeiro), Beade (O Ribeiro), Larouco (Valdeorras), Melón (O Ribeiro), O Barco (Valdeorras), O Bolo (Valdeorras), O Irixo (O Carballiño), Rubiá (Valdeorras), Verea (Terra de Celanova), Viana do Bolo, Vilardevós (comarca de Verín) e Vilariño de Conso (Viana) foi quinta forza, en case todos os casos, excepto Piñor (O Carballiño), por detrás da formación impulsada por Santiago Abascal.

Por último, en Beariz (O Carballiño), Carballeda de Valdeorras e Vilamartín de Valdeorras Democracia Ourensá quedou por detrás de formacións como Vox, Sumar ou Espazo Común Galeguista, sendo sexta forza.

Comentarios