18-F

O PP retén a absoluta malia perder 2 escanos; o BNG marca unha gran suba e o PSOE afúndese

O Partido Popular mantén a maioría absoluta, a primeira para Alfonso Rueda, malia ceder 2 escanos a respecto das eleccións galegas de 2020, cando tivera 42 actas. O BNG asinou un ascenso especular, das 19 ás 25 actas, mentres que o PSOE sufriu unha caída considerábel, baixando de 14 representantes a só 9. Estréase na Cámara galega Democracia Ourensá, con 1 representante.

Estimación de escanos.
photo_camera Repartición de escanos.

A falta de que se coñezan os resultados do voto CERA, o escrutinio das eleccións galegas deixa un Parlamento galego con maioría absoluta do PP, que cae dos 42 escanos aos 40 (cunha porcentaxe de voto de 47,49% en 2024 fronte a un 47,95% que os populares conseguiran en 2020). Mentres, o BNG experimenta os seus mellores rexistros nunhas eleccións galegas, pasando dos 19 escanos de 2020 (23,78%) aos 25 (31,51%). A participación subiu a un máximo histórico de 67,24%, case 20 puntos máis que en 2020.

O PSOE afúndese e cae dos 14 escanos (14,02%)  aos 9 actuais (19,38%) e Democracia Ourensá estréase na Cámara galega con 1 escano (1,02% no conxunto do país, 8,87% na circunscrición de Ourense).

Por circunscricións, na Coruña, o PP perde 1 escano e queda en 13 (47,67% en 2024 fronte a 49,15% en 2020); o PSdeG tamén perde 1 e sitúase en 3 (12,94% en 2024 e 16,75% en 2020) e o BNG convértese na única forza en subir, con 2 escanos máis, alcanzando así os 9 (pasando de 24,85% en 2020 a 32,66% en 2024).

En Pontevedra, o PP repite en actas, con 11 (pasando de 42,37% en 2020 a 43,97% en 2024); o BNG sobe de 6 (24,67%) a 8 (34,69%) e o PSOE baixa de 5 (23,09%) a 3 (14,73%).  

En Lugo, o PP perde 1 escano e fica en 8 (pasando de 54,63% en 2020 a 3,39% en 2024); o BNG sobe 1 e fica en 4 (de 21,53% a 24,14%) e o PSOE mantense cos 2 de 2020 (pasando de 17,42% en 2020 a 17,23% en 2024).

En Ourense, o PP mantén os 8 escanos (pasando de 53,09% en 2020 a 49,90% en 2024); o BNG sobe de 3 (19,90%) a 4 (25,35%); o PSOE perde 2 e fica con só 1 (pasando de 19,69% en 2020 a 12,41% en 2024); e Democracia Ourensá estréase con 1 acta (8,87%).

Sumar e Podemos, no mínimo

Non conseguen representación nin Sumar nin Podemos. De feito, a formación impulsada pola ministra Yolanda Díaz e encabezada por Marta Lois (que conseguiu 1,90% dos votos) fica por detrás de Vox (2,19%) en apoios e a encabezada por Isabel Faraldo (con 0,26%) sitúase por detrás de Pacma (0,36%).

Comentarios