Debate de investidura

O AVE Valladolid-Madrid parte con atraso por un incidente entre o socialista Óscar Puente e un pasaxeiro

Desde o PSOE apuntan que o viaxeiro increpou o seu deputado mencionando o ex president catalán Puigdemont, e que chegou a acantoalo contra un vagón: "A direita sinálao e aguza o odio contra el, e logo...".
O ministro español de Transportes, Óscar Puente (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O deputado socialista Óscar Puente, desde a tribuna do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O tren AVE que une Valladolid con Madrid e que parte da estación de Campo Grande ás 8.45 horas saíu con atraso esta sexta feira debido a un incidente no que se viu implicado o deputado socialista e ex alcalde desta cidade Óscar Puente, que no segundo debate de investidura de hoxe será previsibelmente a voz do PSOE de novo, con outro pasaxeiro.

Puente preparábase para coller o tren para asistir no Congreso a este novo debate que concluirá, salvo sorpresa, cunha nova e definitiva derrota para o candidato do PP á presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo. Segundo precisan fontes policiais citadas pola axencia Europa Press, o viaxeiro interpelou Óscar Puente e o parlamentario alertou o interventor do AVE pola actitude desta persoa.

O interventor, pola súa parte, deu aviso á Policía Nacional, que accedeu ao vagón e identificou todas as persoas presentes na discusión, sen que se producisen detencións polo sucedido.

Renfe confirmou que o deputado socialista foi increpado por un viaxeiro e que solicitou a presenza policial, polo que o tren saíu cunha demora de 22 minutos. Con todo, durante a marcha, o tren recuperou algo de tempo e ao final chegou a Madrid ás 10.07 horas, cun atraso de 17 minutos, segundo fontes da empresa.

Alusións a Puigdemont

Segundo engaden fontes do Partido Socialista, un home empezou a increpar Puente mencionando o ex president catalán Carles Puigdemont cando o deputado socialista ía coller o AVE, sabedor de que se encamiñaba precisamente ao Congreso para encararse novamente desde a tribuna con Feixoo.

Nun momento dado, antes de subir ao tren, esta persoa acantoouno contra un vagón, o que motivou que se achegase ao lugar o persoal de seguridade para, acto seguido, chamar á Policía. Antes de chegar a Madrid, o viaxeiro volveu increpar o ex alcalde de Valladolid, que xa avanzou que denunciará estes feitos.

O secretario xeral do PSOE de Castela e León, Luis Tudanca, manifestou, a través da súa conta en Twitter, o seu apoio a Óscar Puente e escribiu: "Un radical incrépao. Durante o día a dereita sinalouno e aguzou o odio contra el e logo...".

Comentarios