JORQUERA: “A XENTE DESEXA EXPRESARSE SOBRE OS PROBLEMAS REAIS DO PAíS”

O deterioro dos sectores produtivos centra o Parlamento aberto impulsado polo BNG

Representantes de diversos colectivos expoñen no Hórreo as súas demandas

Foto vella

Representantes dos sectores industrial, agrario e pesqueiro, así como de diversos colectivos en defensa da sanidade e do ensino públicos, e de ecoloxistas e de defensa das mulleres están a debater hoxe no Parlamento Aberto organizado polo grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego sobre os “problemas reais” que, segundo o portavoz Francisco Jorquera, afectan á sociedade galega.

Decenas de persoas acudiron hoxe ao Hórreo para expór a situación e demandas dos colectivos que representan e aos que o BNG, asegurou Jorquera, quere dar voz para avanzar cara “a Galiza que queremos”. “A xente desexa expresarse e participar”, de aí que, dixo, sexa “fundamental” que os debates no Parlamento galego “reflictan as demandas reais da sociedade fronte a esa televisión de plasma que tenta vendernos un mundo virtual e á que nos ten afeitos a Xunta de Galiza e o seu presidente Feijóo”.

"Apostamos por un cambio de marco que nos dote de capacidade para decidir"

O voceiro parlamentar do BNG lembrou que Galiza “está a vivir unha auténtica situación de emerxencia social e nacional”, froito, insistiu, “de políticas inxustas que utilizaron a crise como pretexto para enriquecer unha minoría e empobrecer á maioría da sociedade”, e dun goberno que “acepta ser cómplice da submisión do noso país”

Jorquera lembrou que a xornada “Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos” é a aposta do Bloque Nacionalista Galego por  un “cambio de marco” que dote ao pobo galego de “capacidade de decidir sobre os seus asuntos como ferramenta para defender o progreso e benestar”.

Comentarios