A 'descentralización' do Estado chega a Monforte: será sede do primeiro centro de ciberseguridade de Renfe

Está previsto que o edificio entre en funcionamento a finais de 2023. A elección de Monforte debeuse á súa "vinculación histórica" co ferrocarril.
Esta sexta feira reuníronse para anunciar o acordo José Miñóns, Isabel Pardo de Vera, Isaías Táboas e José Tomé. (Foto: Delegación do Goberno)
photo_camera Esta sexta feira reuníronse para anunciar o acordo José Miñóns, Isabel Pardo de Vera, Isaías Táboas e José Tomé. (Foto: Delegación do Goberno)

Monforte de Lemos será a sede do primeiro centro de ciberseguridade especializado de Renfe, que prevé investir un millón de euros para a posta en marcha a finais do próximo ano dunhas instalacións nas que traballarán entre 35 e 40 profesionais. O anuncio efectuouse esta sexta feira nunha rolda de prensa decorrida nesta localidade da que participaron a secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera; o presidente de Renfe, Isaías Táboas, e o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

A elección de Monforte para albergar este centro débese á "vinculación histórica" da cidade co sector ferroviario e encádrase na estratexia do Goberno estatal para a deslocalización de actividades co fin último de combater o despoboamento, subliñou Pardo de Vera.

Renfe conta con centros de competencias dixitais en Mérida, Miranda de Ebro (Burgos), Alcázar de San Juan (Cidade Real), Linares (Xaén) e Teruel, pero o de Monforte será o primeiro especializado en ciberseguridade, unha cuestión, en palabras do máximo responsable da operadora, "fundamental" dada a condición de "infraestrutura crítica" que ten o servizo informático da compañía pública.

"Se no seu día o ferrocarril necesitou o carbón, hoxe necesita a dixitalización", sentenciou Isaías Táboas, que tamén sinalou que Renfe recibe unha media diaria de 1,5 millóns de intentos de intrusión nos seus sistemas informáticos, uns ataques que se incrementaron en 20% no que vai de ano.

Con todo, destacou que ningún dos ataques recibidos causou "incidencias significativas", o que revela o "bo" funcionamento do sistema de seguridade, cuxo reforzo e desenvolvemento será o obxectivo que se perseguirá desde Monforte. Segundo expuxo o presidente de Renfe, este centro estará orientado a "satisfacer todas as necesidades de ciberseguridade, que hoxe se basean na seguridade dos sistemas", con vocación de poder estenderse máis aló da propia operadora ferroviaria e prestar os seus servizos a empresas privadas do sector ou de ámbitos como o enerxético ou a depuración de augas.

Alén do propio funcioamiento das redes ferroviarias e os trens, "cada vez hai máis cousas interconectadas", resaltou Táboas, que puxo o foco en que equipos como as escaleiras mecánicas ou outros servizos das estacións tamén forman parte destas redes e son susceptíbeis de sufriren intrusións externas.

Calendario para a posta en marcha

O calendario deseñado por Renfe prevé unha primeira fase que se desenvolverá no primeiro trimestre do vindeiro ano para localizar un emprazamento, que debe reunir unha serie de características e que levará "dous terzos" do millón de euros que se destina á súa creación.

A meta da operadora é que estea en funcionamento a finais de 2023, cando empezarán a traballar parte dos entre 35 e 40 profesionais "altamente capacitados e certificados" que desempeñarán as súas funcións no centro monfortino ao longo dos dous anos seguintes. Táboas destacou a colaboración de Renfe coas universidades da Coruña e Vigo, así como co IES Daviña Rei de Monforte, para fornecer o centro de profesionais especializados en novas tecnoloxías e ciberseguridade.

Durante a súa intervención na rolda de prensa decorrida no consistorio monfortino, Pardo de Vera resaltou que a creación deste centro coincidirá en 2023 co 140 aniversario da posta en marcha da antiga liña entre A Coruña e Madrid, que supuxo para Monforte a consecución do título de cidade.

Comentarios