A Deputación de Pontevedra insta o PP a "desculparse" pola sentenza sobre o conflito con 38 bolseiras

O Tribunal Supremo ratifica o fallo anterior do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e recoñece a relación laboral de 38 persoas bolseiras coa Deputación durante o Goberno de Rafael Louzán, que utilizou esta vinculación laboral de forma fraudulenta para aforrar custos.
Rafael Louzán, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Rafael Louzán, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O Goberno da Deputación de Pontevedra expresou esta segunda feira o seu "máximo respecto" á sentenza do Tribunal Supremo que ratifica a existencia dunha relación laboral entre a institución e 38 persoas bolseiras que, segundo indica, denunciaron o antigo Plan de Práctica Laboral, "ideado, creado e posto en marcha polo PP en 2012, con Rafael Louzán na presidencia".

Nun comunicado remitido aos medios, o deputado responsable de persoal, Carlos Font, sinalou que o Plan de Práctica Laboral "creouno o goberno de Louzán, desenvolveuno o Goberno de Louzán e foi este quen sacou peito con este plan de bolsas cuxas consecuencias son as que agora nos traen aquí".

Carlos Font exixiu ao PP que, "cando menos, pida desculpas públicas por un plan de bolsas que tivo que eliminar" o Executivo actual ante as "numerosas irregularidades e problemas que causaba" para substituílo, cando se puido, por un programa de contratos en prácticas, "con salarios e condicións laborais dignas, como é 'O Teu Primeiro Emprego".

"Nós fixemos un novo plan, en liña co Plan Director polo Emprego Digno, no que as persoas recentemente tituladas teñen un contrato de traballo en prácticas, que computa para todos os efectos como experiencia laboral, e perciben unha remuneración de carácter salarial do importe que marca a normativa, sempre garantindo que as persoas teñan un salario digno e que realicen funcións acorde á súa categoría".

"É curioso", engadiu, "que o PP pasase anos criticando a este goberno por fechar o Plan de Bolsas de Louzán, que cualificaba de modélico, e resulta que agora renega da súa paternidade", sostivo Font.

O deputado provincial, que aludiu á "catarata de herdanzas envelenadas do anterior goberno", tamén expresou a súa "incredulidade" pola "sobreactuación" do responsábel sindical de CCOO na Deputación, José Piñeiro, a quen reprochou que tratase de "adxudicar a este goberno a responsabilidade desta decisión xudicial" cando "na etapa política anterior aplaudía a rabiar o plan de Louzán e nunca o denunciou".

"Hai que ter moi pouca vergoña e mala memoria", dixo a este respecto.

Comentarios