A Deputación de Lugo recorrerá nos tribunais o re-pagamento sanitario

Así o anunciou o vice-presidente do goberno provincial, Antón Veiga (BNG), quen acusou a Alberto Núñez Feijóo de ser "un auténtico perigo para a saúde dos doentes crónicos". 

Antonio Veiga
photo_camera Antonio Veiga na rolda de imprensa [SG]


A Deputación de Lugo tentará impugnar o decreto polo que se fixa o re-pagamento farmacolóxico para doentes crónic@s. Neste senso, o seu vice-presidente, o nacionalista Antón Veiga, anunciou que o goberno provincial presentará un recurso perante os tribunais á fin de impedir a aplicación da resolución aprobada polo goberno español pola que se fixa o re-pagamento da medicación en doentes crónic@s. 

A decisión do organismo provincial devén da petición presentada pola Iniciativa galega pola Gratuidade da Sanidade en que demandan das forzas políticas con representación no Parlamento e Deputacións un posicionamento contrario ao re-pagamento. Neste senso, Antón Veiga asegurou agardar que "o resto das institucións interpeladas por este colectivo social procedan a recorrer diante da xustiza ordinaria estes copagos". Segundo sinalou o nacionalista, "a práctica totalidade das autonomías" amosaron xa o seu rexeitamento á entrada en vigor da norma, mesmo as do PP como Madrid, Castela-León, Castela-A Mancha ou Valencia. 

O Presidente da Xunta de Galiza demostra non ter sentimentos e remata por converterse nun auténtico pesadelo  para  os  galegos,  un  perigo  público  que  pon  en  risco  a  vida  dos  doentes  crónicos, un autentico killer para enfermos de cancro, de SIDA ou de hepatite”, espetou Veiga ao tempo que asegurou "non  imos  consentir   este  novo repagamento, este novo  imposto á enfermidade" que tentarán impugnar pola vía xudicial. 

Aliás, o vice-presidente da Deputación de Lugo lembrou que o organismo provincial vai abrir unha liña de axuda para aqueles concellos insubmisos ao re-pagamento a través da Área de Benestar. "Unha liña de axudas en concorrencia competitiva", explicou Veiga á que poderán concorrer os Concellos de Lugo que asuman o copago e que ten como obxectivo cubrir os gastos daqueles doentes crónicos que agora se ven afectados por esta medida". 

Comentarios