Ánxela Franco

"Desde a Deputación apostamos polas políticas de igualdade fronte aos recortes da Xunta"

Desde o inicio do novo goberno na Deputación da Coruña, Ánxela Franco, concelleira do BNG en Porto do Son, dirixe as áreas de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero. A loita contra a violencia de xénero e a igualdade son obxectivos prioritarios dunha acción de goberno que nos explica nesta entrevista.

2016101714203361784
photo_camera Ánxela Franco

Que destacaría destes dous anos que leva presidindo a área de igualdade da Deputación da Coruña?

Ben, foi un traballo intenso en que por un lado continuamos con programas que xa se iniciaran nas dúas anteriores etapas de goberno do BNG na institución, liñas de traballo con mozas e mozos que tiñan un percorrido, e por outro, puxemos en marcha novos programas, como Suprime o Control, en que o obxectivo é ofrecerlle ao alumnado de 3º e 4º da ESO, ás súas familias, e ao profesorado ferramentas coas que traballar pola construción de identidades igualitarias, facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución por medio das redes sociais, os produtos audiovisuais, etc, ou Quen dixo medo?, que comezará a andar nas vindeiras semanas e que pretende achegar unha campaña con multitude de actividades de sensibilización contra a violencia de xénero a toda a poboación dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Moitas das súas accións diríxense á poboación escolar. Como valora a implicación da comunidade educativa?

Tremendamente positiva. É impresionante ver a calidade dos traballos que presentan por exemplo a premios como o Concepción Arenal de proxectos educativos en igualdade titorizados por profesorado ou ao concurso de guións. O profesorado, a pesares de todos o recortes e da precarización do sistema dos gobernos do PP, desenvolve un labor fundamental e importantísimo na loita contra a violencia e na procura da igualdade. O noso obxectivo é seguir dotando de recursos e de ferramentas para que poidan seguir desenvolvendo este traballo.

Nestes días botaron a andar a elaboración dunha diagnose e un plan de acción pola igualdade e contra a violencia machista, cales son os obxectivos destes estudos?

Vimos que tiñamos os datos totalmente desactualizados, que se descoñecía o que están facendo os concellos e cales son os seus recursos, que hai descoordinación e iso inflúe no impacto de todas as accións que se poidan poñer en marcha. O estudo detectará necesidades e rexistrará recursos para traballar de maneira máis eficaz para eliminar a desigualdade e a violencia. Con esta diagnose conseguiremos ter un coñecemento real da situación e fortalecer as nosas políticas de igualdade, axustando ás necesidades que existen nos concellos. O importante deste traballo que durará 18 meses é que vai ser participativo e vai implicar todo o tecido e todos os concellos.

Como ve a situación actual no que respecta ás políticas de igualdade e de loita contra a violencia?

Pois francamente non penso que te- ñamos que estar contentas. Déronse pasos moi importantes en Galiza cando o BNG estivo na Xunta: integrouse a dimensión da igualdade no ámbito competencial do goberno en materia de emprego e relacións laborais, aprobouse a lei do traballo en igualdade, a lei galega de prevención e o tratamento da violencia de xénero, visibilizaron e axudaron sectores feminizados, creáronse puntos de información en case todos os concellos etc.. todo isto en colaboración con asociacións de mulleres, coa súa participación. O que veu despois diso coa chegada de Feijóo foron recortes, un desmantelamento progresivo destas políticas, descoordinación, de partamentos que deixaron de estar vinculados a outros e iso significou que a transversalidade nas actuacións deixase de existir. Os recortes incrementaron de novo a desigualdade, traballo máis precario, economía somerxida, as mulleres de novo como coidadoras...

Vostedes mantiveron o nivel de investimento en políticas de igualdade?

Por suposto. E non só iso, senón que o nivel de investimento en programas propios aumentou e cada día achegamos máis actuacións a todos os concellos, até este mes de maio levamos comprometidos máis de 308.000 euros e posibelmente dupliquemos esta cantidade cando remate o ano. É dicir, xa superamos todo o investimento en cinco meses que se fixera en igualdade en todo o 2014. Por outro lado démoslles tamén aos concellos a capacidade de ter un maior financiamento para investimentos, para obras e para o pago da débeda co POS+, polo que poden destinar máis recursos propios a programas de igualdade e de loita contra a violencia.

Algo importante que vaian pór en marcha proximamente?

Si, está xa moi avanzado o texto para un Regulamento para a incorporación da Transversalidade de Xénero na Deputación da Coruña, que en breve lle imos pasar ao resto de grupos e que agardamos aprobar antes do mes de agosto. Está dirixido a todos os departamentos da Deputación e será unha ferramenta para facilitar a aplicación do principio de igualdade na xestión, contribuíndo deste xeito a eliminar situacións de discriminación tanto sobre a muller como sobre as diversidades existentes.

[Esta entrevista foi publicada no A FONDO que acompaña o Sermos Galiza 251, á venda na loxa]

Comentarios