As depuradoras xestionadas pola Xunta son 85% máis caras

Unha trintena de concellos teñen delegada a xestión das depuradoras a Augas da Galiza.

FEGAMP 1
photo_camera Alcaldes e alcaldesas na xuntanza de onte na sede da Fegamp. (Foto: Nós Diario).

A sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acolleu esta terza feira unha reunión dos concellos afectados pola suba do custo do servizo de depuración en 85%, tras delegar esta función en Augas da Galiza, entidade pública dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade.

O servizo de depuración de augas residuais naqueles concellos que teñen delegado a súa función en Augas da Galiza tense incrementado en 85% no último ano. A causa deste incremento está na Lei de mellora do ciclo da auga, vixente desde xullo de 2022, que introduce unha nova regulamentación e fixa novos tributos. Unha destas novas figuras fiscais xurde da modificación do canón da auga, marcando unha nova cota para persoas usuarias da rede e entidades titulares das liñas de abastecemento e incrementando a contía cando non consigan o obxectivo de reducir as perdas do sistema en 20% da auga captada. A norma transformou o antigo  coeficiente de vertedura en dúas novas taxas.

A primeira delas, o canón de depuración, fixa unha nova fórmula de cálculo que incrementa o seu custo e introduce a obrigatoriedade do seu pago para a auga procedente da choiva. A segunda, o canón de colectores, introduce un novo tributo para concellos e veciñanza, obrigados a pagar unha taxa polos colectores que xestiona o Goberno galego, separando as depuradoras dos colectores da entrada dos mesmos. Ao tempo, crea, tamén, un canon de abastecemento para aquelas infraestruturas desta natureza que xestiona a Xunta da Galiza.

30 concellos galegos teñen delegada a xestión das súas depuradoras a Augas da Galiza. Malia que a competencia do servizo é de carácter municipal, o organismo dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade asumiu este labor en aras de “axudar, técnica e economicamente", as Administracións locais no exercicio da súa responsabilidade de saneamento e depuración. Así, entre os municipios nesta situación atópanse Alfoz-O Valadouro, Soutomaior, Meaño, Gondomar, Nigrán, Ortigueira, A Pobra do Caramiñal, Tomiño, A Illa de Arousa, Ribadeo, Melide ou Muros.

Os alcaldes e as alcaldesas de 25 de 30 concellos afectados por esta decisión de Augas da Galiza mantiveron na xornada de onte unha reunión en Santiago de Compostela, onde rexeitaron esta decisión do Goberno galego. Neste sentido, o presidente Fegamp e alcalde Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela afirmou que "a Xunta e Augas de Galiza non deberan pretender afogar os concellos cos recibos do auga dunha lei que se impuxo sen diálogo, e evidénciase que só o diálogo e o entendemento poden abrir as vías de solución”.

A propia memoria da Lei de mellora do ciclo da auga recollía unha suba no canón de depuración para estes concellos de 5,8 millóns de euros a algo máis de 12 millóns. Porén, o Goberno galego tenta desvincular do texto da norma este incrementos nos custos de depuración, argumentando que “a lei non leva aparellada a creación de novas taxas nin o incremento dos custos de servizos”. Nesta liña, a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade cre que "non é de recibo" a moratoria que solicita a Fegamp para aprazar o cobro das liquidacións que o ente público solicita aos concellos.

Comentarios