A Xunta presenta a nova Lei do ciclo da auga entre incógnitas sobre o texto final

A Consellaría de Infraestruturas reitera a "voluntariedade" de unirse ao programa, que, a expensas de coñecerse a súa redacción definitiva, recibiu críticas tanto do PSdeG como do BNG tras facerse público o Anteproxecto.
Canalizacións estragadas que provocaron un episodio de turbidez en Culleredo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Canalizacións estragadas que provocaron un episodio de turbidez en Culleredo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Despois das críticas desatadas desde que a Xunta presentou o primeiro Anteproxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, o Consello de Goberno deu finalmente luz verde ao proxecto a quinta feira, polo que chegará nos vindeiros días ao Parlamento.

Para debullar os detalles do texto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunta o secretario xeral técnico da Consellaría, Joaquín Macho, e o xerente de Augas da Galiza, Gonzalo Mosqueira, explicou esta sexta feira en rolda de prensa a súa intención de que a norma -de ser aprobada no lexislativo- permita avanzar cara a unha xestión profesional do abastecemento, saneamento e depuración da auga.

Segundo sostivo, se un Concello quere encomendar a xestión destes servizos a Augas da Galiza, levarase a cabo unha auditoría da situación da rede hídrica, que determinará en primeiro lugar se é preciso impulsar obras.

Neste caso, a Xunta asumirá un terzo do custo das obras, outro terzo correrá a conta dos municipios, e a última parte procederá doutras Administracións con programas que permitan sufragalos.

Vázquez sinalou que, no momento no que Augas da Galiza asuma a xestión dun dos servizos municipais do ciclo da auga a petición dos Concellos, aplicará as mesmas tarifas en todas as localidades.

Asemade, apuntou que non se aplicarán novas tarifas, optándose por reordenar as existentes. Neste sentido, tras aprobarse a norma, o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, reiterou que “en ningún caso imos crear unha soa taxa”, e que serán os Concellos os “que concreten as taxas” que repercutirán á cidadanía pola xestión.

A conselleira xustificou a norma en que hai vilas do país con fugas que afectan ao 40% da auga que circula pola rede, mentres que esta xestión agrupada das infraestruturas permitirá un aforro do 10% na xestión, reivindicou.

Tanto Feixoo como Vázquez fixeron moito énfase na “voluntariedade” para os Concellos á hora de sumarse a esta iniciativa.

“Voluntario mais resulta que na idea inicial non era voluntario”, destacou o voceiro parlamentar do Partido dos Socialistas de Galicia, Luis Álvarez, que prefire agardar a que o texto chegue ao Parlamento para efectuar valoracións unha vez constaten se a Xunta aceptou as emendas das entidades locais despois dunha “resposta moi forte” tras a presentación do primeiro Anteproxecto, ao tratar “de imporlles unha serie de obrigas de forma unilateral".

"As présas non son boas", resolve o alcalde de San Sadurniño, Secundino García (Bloque Nacionalista Galego), que critica a falta de consenso da norma "pola falta de vontade" do PP, e defende, a expensas de coñecer o texto final, que ou a redacción orixinal "se reformou substancialmente", ou a forza nacionalista non a vai apoiar.

Paralelamente, alerta da suba dos prezos aos usuarios como aconteceu coa Lei de Augas, malia que daquela o PP tamén reiterara que isto non incidiría na 
factura final. 

Un texto con "mero afán de recadar"

Unha vez que saíu á luz pública a primeira proposta da Xunta, a líder da oposición e voceira nacional do BNG, Ana Pontón, definiu o Anteproxecto como de “mero afán de recadar”, mentres as eléctricas “fan caixa”, advertindo de que podería triplicar os prezos da auga.

Pola súa parte, o daquela líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou o PP de “intentar pór deberes unilateralmente ao municipalismo daquilo que a Xunta ten a obriga de facer pero non fai”.

Comentarios