O decrecemento peta nas portas do Parlamento galego

'Véspera de Nada' entrega a todos os grupos galegos a tradución ao galego do informe encomendado por Westminster a unha serie de expertos sobre os límites do crecemento.

photo_camera Parlamento de Galiza

Véspera de Nada é unha asociación que desde o 2008 traballa para informar á poboación galega sobre a limitacións dos recursos naturais – "inherentes a un planeta finito" –, especialmente os enerxéticos, e as súas consecuencias económicas e sociais. Toma o nome do dito popular galego “día de moito, véspera de nada”, no que ela propia recoñece que é toda unha declaración de intencións.

Nestas semanas, este colectivo fixo entrega a todos os grupos parlamentares galegos da tradución ao galego do informe “Límites revisitado: unha revisión do debate sobre os límites do crecemento” encomendado por unha comisión interpartidaria do Parlamento británico aos expertos Tim Jackson e Robin Webster, e que veu a luz en abril deste mesmo ano.

O documento explica dunha maneira concisa e rigorosa, informa VdN, moitas das cuestións de interese. “Por iso decidimos traducilo e divulgalo na nosa lingua”, explican. En todas as reunións cos grupos parlamentares houbo “unha amábel recepción e uns interesantes intercambios de pareceres”, que os representantes da asociación aproveitaron para animar a constituír no vindeiro parlamento galego unha comisión semellante á británica que encargou a realización deste informe. O informe foi elaborado por Tim Jackson (catedrático de “desenvolvemento sustentábel” na University of Surrey e director do 'Centre for the understanding of sustainable prosperity'. Membro do Club de Roma) e Robin Webster (investigadora e escritora sobre as cuestións ambientais, directora de campaña sobre o clima e a enerxía dos Amigos da Terra durante dous anos e medio).

O 'Grupo Interpartidario sobre os Límites do Crecemento' é un grupo oficializado de parlamentarios británicos, constituído na actualidade por membros dos partidos traballista, conservador, verde, nacionalista escocés e independentes. Os obxectivos principais son crear o espazo para un diálogo entre partidos sobre os riscos económicos específicos relacionados cos límites ambientais e sociais; avaliar as evidencias de tales límites, identificar os riscos e procurar o apoio para tomar as medidas axeitadas; e contribuír ao debate internacional na redefinición da prosperidade e das medidas de crecemento.

Revisar

En 1972 saíu do prelo “Os límites ao crecemento”, un informe encargado e publicado polo Club de Roma, que expresou por vez primeira a natureza dinámica da nosa dependencia dos recursos físicos e dos sistemas ecolóxicos. O informe suscitou durante anos unha forte controversia política e académica, inspirou a xeracións de pensadores sobre o medio ambiente e a sociedade, e continúa a deitar luz na problemática económica, social e ambiental do século XXI.

O novo estudo “Límites revisitado” resume as conclusión daquel informe do Club de Roma, recolle a polémica que provocou, disipa algúns dos mitos tecidos sobre o mesmo, esclarece as acesas discusións que se teñen desenvolvido durante corenta anos após a súa publicación e explora novos datos relacionados coa hipótese orixinal.

A versión galega pódese descargar de balde desde http://www.vesperadenada.org/limitesrevisitado, onde tamén hai unha ligazón ao documento orixinal.

Comentarios