18-F | Debate RTVE

Boa sintonía entre Pontón e Besteiro, que chaman a ratificar un "cambio imparábel" fronte a un "presidente ausente"

A candidata do BNG e o do PSdeG dan por feito un cambio de cor política en San Caetano a partir deste 18-F nun debate en RTVE ao que o actual presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, optou finalmente por non acudir nunha decisión insólita.
A candidata do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, escenifican a súa boa sintonía nun debate en RTVE do que 'fuxiu' o presidente Alfonso Rueda. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera A candidata do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, escenifican a súa boa sintonía nun debate en RTVE do que 'fuxiu' o presidente Alfonso Rueda. (Foto: Agostime / Europa Press)

A pouco máis de 72 horas para que a cidadanía galega decida co seu voto quen gobernará a Xunta da Galiza até 2028, a aspirante do BNG nestes comicios, Ana Pontón, e o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enfróntanse en RTVE nun debate ao que, finalmente, o actual presidente do Executivo galego e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, decidiu non acudir. Unha decisión insólita que sorprendeu até o propio persoal da canle pública estatal, que considera a ausencia de Rueda un "veto".

Desde o Partido Popular, se ben non confirmaran que o seu candidato sería quen defendería o argumentario do PP ante Pontón e Besteiro, si prometeran que algún dos seus representantes asistiría a esta cita. Porén, após un debate organizado na CRTVG "á medida" dos intereses dos populares, segundo denunciaron desde a oposición, do que Rueda non saíu ben parado, optaron por declinar o convite de RTVE, deixando sós no plató á nacionalista e o socialista. E malia as reiteradas ofertas de Pontón de baterse nun 'cara a cara' con Rueda —como actual líder da oposición—, o PP resístese a aceptar este modelo de debate que xa se ofreceu a organizar a Cadena SER, porfiando no argumento de que "deberá elixir o 'multipartito' quen o representa".

O xornalista Xabier Fortes, moderador do debate en RTVE, comezou lamentando a ausencia de Alfonso Rueda: "Lamentamos moito que rexeitase confrontar ideas aquí ou nomear un representante. Nós, os que estamos aquí, comezamos", dixo, para dar paso ao primeiro tema da noite, a industria. Tamén a candidata do Bloque salientou esta cuestión: “Estou encantada de estar aquí, e tamén me gustaría comezar dicindo que lamento a ausencia do candidato do PP. Hoxe non dá plantón a RTVE, nin a min ou ao señor Besteiro, senón á cidadanía galega”, censurou Pontón, que dixo ‘entender’ a ausencia de Rueda: “Entendo que cando non hai proxecto é máis fácil fuxir dos debates. Hai catro anos o PP agochaba as súas siglas, agora o seu candidato. Os galegos e galegas necesitan unha presidenta que dea a cara”, asegurou.

Industria e emprego

Pontón lamentou que a Xunta de Rueda "falsee os datos de emprego" e, novamente, censurou que o presidente declinase asistir ao debate para mostrar as súas propostas. Tamén puxo o foco na produción de enerxía eléctrica, do que Galiza é unha das grandes potencias do Estado, pois produce máis da que consome: "Temos instalados 4.000 muíños [de enerxía eólica]; porén, a nosa industria non medrou, mentres a de Madrid si", enfatizou.

Neste punto, fixo alusión a un caso de 'portas xiratorias' desvelado por Nós Diario para se referir ás políticas desenvolvidas polos gobernos do PP desde 2009 nesta materia: "Como presidenta quero quitar a cadeira das eléctricas do Consello da Xunta", dixo, en alusión ao paso de Beatriz Mato de San Caetano á Greenalia, "empresa á que, por certo, a Xunta perdonou 12 millóns de euros que deberían ir ás arcas públicas", engadiu. "Nós apostamos por un modelo que sexa beneficiosa para as familias e empresas, ao tempo que respectuosa co medio e a pesca", sentenciou Pontón, que apostou por unha empresa pública de enerxía e por aplicar medidas destinadas a rebaixar a tarifa eléctrica, así como por intervir Alcoa a nivel estatal.

Tamén o socialista Gómez Besteiro dedicou as súas primeiras palabras ao "presidente ausente", como se referiu a Rueda, igual que Pontón, na meirande parte das súas intervencións. "Aí radica o problema: estes anos houbo un goberno totalmente ausente. Está ausente porque non ten nada que dicir", criticou.

Xa entrando en materia enerxética, dixo que sería "positivo" que Galiza sexa excedentaria de electricidade se non fose "pola nefasta xestión de Rueda", pois esa elevada produción "non se traduce en máis empregos e industria". Besteiro chamou a acelerar a transición "cara ás enerxías limpas" para que os prezos baixen e isto revirta "tanto nas empresas como nas familias".

Preguntado polos concellos do interior do país e a loita contra o despoboamento, o socialista ve necesario "aproveitar" os fondos europeos e, a fin de pór freo á emigración, comprometeuse a construír 10.000 novas vivendas públicas. Tamén asegurou que traballará como presidente por suprimir as portaxes das autoestradas AP-9 e AP-53.

Para a candidata do Bloque, cómpre en primeiro lugar "que se cumpra" a Lei de cadea alimentaria. "Recuperaremos os contratos homologados para os e as produtoras agrarias. Temos moitas terras agrarias abandonadas, e hai que poñelas ao servizo dos agricultores e agricultoras", dixo. Tamén chamou a conseguir uns "prezos xustos" para o sector agrogandeiro galego —hoxe é o principal produtor de leite de todo o Estado (40%), mais cobra os prezos máis baixos (o único que baixa dos 50 céntimos por litro)—, e salientou a importancia de mobilizar terras abandonadas, para o que propuxo recuperar o Banco de Terras, pois hoxe hai "moi pouca superficie agraria útil".

Pola súa parte, Besteiro lamentou os últimos "15 anos perdidos" para Galiza. "Producindo leite pero exportando iogures. A incapacidade do PP non permite o crecemento industrial e agro da Galiza", afirmou.

Quenda para a pesca. Preguntados polas súas propostas para o sector do mar, ambos os candidatos afearon o apoio do Partido Popular de Rueda ao actual presidente da Arxentina, Javier Milei, cuxa ofensiva radical contra os dereitos de pesca en augas baixo a xurisdicción deste país mantén en xaque toda a frota da Galiza e compromete o seu futuro. "A miña prioridade para a pesca é a rexeneración das nosas rías, non só por unha cuestión ambiental, senón económica", dixo a aspirante do BNG. Unha prioridade, a de rexenerar as rías, que tamén asumiu Besteiro.

"O goberno do PP non é capaz de coidar o medio ambiente, vímolo na crise dos pellets, onde repetiron o manual de manipulación nunha crise destas características", censurou Pontón, referíndose aos "grandes problemas" que afronta o sector marisqueiro por mor de "15 anos de abandono da Xunta". E o socialista tamén prometeu fortalecer e impulsar a industria conserveira e mais a comercialización.

Servizos públicos, igualdade e benestar

No que atinxe aos servizos públicos, Ana Pontón presentouse como "a presidenta da sanidade pública", para o que propuxo un "plan de rescate" para a atención primaria e unha reformulación do modelo para mellorar a prestación. Tamén criticou ao "candidato ausente" que "triplicase a débeda da Galiza mentres empeoran a sanidade e a educación". "O PP está deteriorando a sanidade pública para beneficiar a privada", dixo.

Desde as filas do PSdeG, Besteiro apuntou na mesma liña: "Se vostede quere máis recortes e privatizacións, vote polo Partido Popular; se o que quere é unha sanidade pública, gratuíta e de calidade, aposte por un experto como o PSOE". "Hoxe é imposíbel que pidas cita e sexas atendido ao día seguinte", afeou, polo que chamou a "investir máis e planificar mellor" mentres culpou de que haxa "máis de 40.000 persoas nas listas de agarda" ao "presidente ausente". Nós Diario publicou esta terza feira que a Consellaría de Sanidade falsea as listas, pois as cifras reais superan en 36% as oficiais presentadas pola Xunta.

No que atinxe ao sistema educativo, ambos os candidatos apostaron por fortalecer un ensino "100% gratuíto", e coincidiron tamén en reforzar a presenza da lingua galega fronte a un PP que a relegou "a un segundo plano". Besteiro lembrou que os populares votaron en contra, canda a extrema dereita, de aceptar no Congreso español o uso do galego. "Unha das cuestións que poñemos sobre a mesa é un gran pacto pola lingua. Iso é algo que temos que acordar entre todos e todas", engadiu Pontón".

En materia de loita contra a violencia de xénero, tanto Pontón como Besteiro comprometéronse a destinar máis recursos até alcanzar o 1% do Orzamento anual da Xunta para a súa prevención e erradicación.

Formación de goberno

E que pasará a vindeira segunda feira se após o reconto de papeletas do domingo BNG e PSdeG suman unha maioría? Ambos os candidatos, se ben non o explicitaron, deixaron entrever que avogarían por conformar un novo Goberno de coalición. "Se nolo preguntan hai un mes, ninguén o crería. Agora parece que empeza a palparse, mais agora deberemos escoitar os galegos e galegas. Camiñamos cara a un cambio, un goberno de progreso, e iso non o pode parar ninguén. Apostaremos por unha Galiza máis aberta, máis grande, con máis peso no Estado e Europa. Unha Galiza con máis dereitos, emprego e ambición de país. Esa é a nosa aposta, e nesa Galiza progresista cremos", dixo Besteiro.

Tamén Ana Pontón apuntou nesta liña e matizou, en contra dun dos principais argumentos do PP, que "un Goberno non é mellor ou peor en base ao número de partidos que o conforman", unha cuestión que deberá decidir "a cidadanía". E dixo estar disposta a encabezar un Goberno "que reflicta a pluralidade da sociedade" após o 18-F. "O goberno do monopartido déixanos unha Galiza peor. Levamos 15 anos cun goberno absolutista no seu xeito de gobernar. Eu aposto por un goberno que chegue a acordos e que tenda a man", subliñou.

Interpelados a respecto das medidas que impulsarían en materia de rexeneración democrática, nun momento no que Xabier Fortes aludiu tamén á ausencia de Rueda do debate e no que lembrou que nos diferentes territorios do Estado sempre se organizan un mínimo de dous debates entre candidatos nos medios públicos, tanto Pontón como Besteiro cargaron contra as "mentiras" do PP e consideraron "antidemocrático" o plantón do presidente da Xunta a esta cita en RTVE.

E no que atinxe ao modelo territorial, Pontón apuntou: "O candidato ausente debería estar aquí e explicar por que en 15 anos non foi quen de reclamar nin unha soa competencia. Galiza ten que ter a chave dos seus cartos. O meu goberno pelexará por xestionar o imposto de sociedades, serían 1.500 millóns de ingresos para a Xunta".

Minuto de ouro

Antes de dar paso ao 'minuto de ouro' de cada aspirante a gobernar a Xunta, Fortes salientou que Pontón e Besterio "non quixeron rifar demasiado" nun debate no que, pola contra, confrontaron os seus programas mais mostraron unha imaxe de cohesión que abriu as portas a un hipotético Goberno de coalición após as eleccións do domingo.

Comezou Besteiro pedindo o voto das galegas e galegos: "Quero dirixirme a quen están ao outro lado, nas súas casas, e pedirlles que lembren onde estaban hai 15 anos, que cambiou neste tempo, e que saiban que neste tempo só houbo un goberno na Galiza. Creo que a maioría queren un cambio, intúeno, pálpano, e producirase en catro días, cando decidan co seu voto cal vai ser o futuro da sanidade, da atención aos nosos maiores, dos nosos empregos e da educación dos nosos fillos".

Para o socialista, este domingo só hai dúas opcións: "Catro anos máis dunha política absolutamente resignada, de recortes, de mentiras, ou catro anos máis de ilusión, cambio e futuro. Pido o voto para que Galiza teña máis empregos, máis dereitos e máis ambición. Pídolles o voto para que esta marabillosa terra teña por fin un goberno presente e non ausente. Prométolles que como presidente non os defraudarei nin escaparei dos debates", sentenciou.

 E na súa quenda, Pontón fechou o debate salientando: "O PP tivo nas súas mans 15 anos e 177.000 millóns de euros para transformar este país. E que legado deixa? Déixanos un país que perde talento, mocidade e emprego, e perdemos peso no Estado. Por iso, se queremos un cambio, non podemos apostar polo mesmo".

"Se queres unha presidenta que dea a cara e non se esconda, vótame. Se queres unha presidenta que defenda a sanidade e a educación pública, vótame. Se queres unha presidenta que estea chea de ilusión e ganas de transformar este país, vótame. Porque hai momentos nos que a historia pode tocarse coas mans e transformala. O próximo domingo podemos facer historia, por iso animo todos os galegos e galegas a votar. Dá igual o que votases noutras eleccións, hai moitas formas de sentirse galega e galego e todas son necesarias para un cambio co que, por fin, todos os galegos e galegas gañen", concluíu.

"Houbo unha persoa que non quixo vir aquí, pois nós convidamos o señor Rueda ou a quen quixese da súa candidatura, mais non foi así. Agradecemos moito a súa presenza", rematou Fortes, salientando positivamente a asistencia dos candidatos de BNG e PSdeG. O xornalista galego despediu a retransmisión chamando a votar o domingo "con sentidiño", no que semellou unha irónica chiscadela a un dos lemas do PP do "presidente ausente", o termo que máis resoou nos estudios de RTVE esta noite.

Comentarios