Debate 2x5 no Sermos251

Debate Palmou-Jorquera: ou aprofundamento da autonomía ou aposta soberanista

Ou unha Galiza autonómica nun Estado de tendencia máis ou menos federalizante ou una Galiza soberana. Non hai termo medio. Levamos 36 anos na primeira. O contraste entre ambos deseños, as dúas Galizas posíbeis, foi o miolo dun duelo dialéctico de altura entre Xesús Palmou, ex secretario xeral do PPdeG, e Francisco Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre e ex portavoz parlamentar do BNG. O debate Palmou-Jorquera aparece no Sermos251, xa na rúa. Eis aquí un avanzo. VÍDEO NO INTERIOR.

 

-Sermos Galiza. Poñamos agora as luces longas e vaiamos aos modelos antagónicos que defendedes. O aprofundamento da autonomía versus a soberanía.

-Xesús Palmou: Primeiro ten de haber vontade de diálogo. Será nunha mesa de negociación onde se aborde a cuestión. A Constitución necesita unha posta ao día, en asuntos como a adecuación do Senado á súa condición de cámara territorial. É preciso que na Constitución se reflicta que as comunidades autónomas deben participar con voz propia perante a UE naqueles temas (por exemplo, a política agraria) sobre os que teñen competencias. A política agraria da UE claramente non favoreceu as transformacións que o agro galego necesitaba. Despois está o tema do encaixe das comunidades na Constitución, nomeadamente o de Catalunya. Hai que abordalo através dunha reforma da Constitución que permita que España continúe a ser un país da UE cunha Carta Magna en que todos nos sintamos cómodos. En todo caso, eu non estou por ir a un Estado confederal. Non é a solución. Eu iría máis nunha liña de acentuar o Estado federal, non confederal. Non coñezo ningún modelo de estado confederal que teña sido un éxito.

Palmou: "Eu non estou por ir a un Estado confederal. Non é a solución. Eu iría máis nunha liña de acentuar o Estado federal"

Jorquera: "Se admitimos que aquí hai varias nacións, entón haberá que admitir que hai distintos pobos e que teñen que ser suxeitos de soberanía nos seus territorios"

-Francisco Jorquera: Eu, claro, discrepo de Xesús. E creo que se hai un problema de modelo o que hai que facer é ir a outro modelo. E basicamente o que hai que facer é invertir as relacións que se estabelecen entre o Estado central e os distintos pobos que coexistimos nel. Se admitimos que aquí hai varias nacións, entón haberá que admitir que hai distintos pobos e que teñen que ser suxeitos de soberanía nos seus territorios. O pobo galego o que necesita é plena capacidade de decisión sobre os seus asuntos. Que se recoñeza que é o titular da soberanía na Galiza. En exercicio desa soberanía o pobo galego pode pactar con outros pobos e delegar unha serie de competencias en institucións comùns. Por suposto, iso exixe a vontade de todas as partes; e se non a hai, pois non é pecado ter un estado independente. En Europa nos últimos 25 anos naceron 17 Estados independentes. No ano 1945 a ONU fundouse con 45 estados, agora intégrana 193. É compatíbel ter un Estado independente e á vez participar na comunidade internacional, en termos de igualdade con outros pobos e non de dependencia.

Comentarios