Un escano pola Coruña custa o triplo de votos que un por Madrid

Galiza escollerá 23 representantes no Congreso e 16 no Senado nos comicios estatais do 23 de xullo. A elección dos escanos realízase conforme ao estabelecido polo sistema electoral español, un modelo que adultera a proporcionalidade naquelas circunscricións de menos de 25 escanos. Así, un escano no Congreso pola Coruña custa o triplo que un por Madrid ou por Barcelona.

Unha muller deposita o seu voto nunha urna nas eleccións estatais de novembro de 2019. (Foto: María José López / Europa Press)
photo_camera Unha muller deposita o seu voto nunha urna nas eleccións estatais de novembro de 2019. (Foto: María José López / Europa Press)

O proceso de asignación de escanos nas diversas circunscricións responde a criterios territoriais e de poboación. Así, na atribución de senadoras e senadores electos, tense en conta exclusivamente o primeiro, atribuíndo a cada distrito electoral un número de catro actas, excepto tres en Gran Canaria, Mallorca e Tenerife, dúas en Ceuta e Melilla e unha nas denominadas illas menores. Neste sentido, cada unha das circunscricións galegas escolle catro representantes, recaendo, tradicionalmente, tres na lista máis votada e un na segunda candidatura en sufraxios. O resultado final do reparto é consecuencia dun sistema de elección de carácter maioritario, que leva a formacións con menos de 40% dos votos a lograr 75% das actas.

A atribución de escanos do Congreso ás distintas circunscricións atende a criterios territoriais e de poboación. Neste sentido, a lexislación española estabelece que cada provincia conte cun mínimo de dous escanos, salvo Ceuta e Melilla, a quen asigna só un, atribuíndo 248 restantes deputados en función da poboación de cada unha das circunscricións pero non do censo electoral, ao ficar excluídos os denominados residentes ausentes, electores con dereitos a todos os efectos. Neste sentido, Galiza ten atribuídos 23 escanos, dos cales oito corresponden á Coruña, sete a Pontevedra, catro a Lugo e outros catro a Ourense.

Galiza perdeu catro escanos no Congreso dos Deputados desde as primeiras eleccións estatais de 1977. Así, nos comicios de 1993 cedeu unha acta Ourense, repetíndose a mesma situación no ano 1996 en Lugo, en Pontevedra en 2004 e na Coruña en 2008. A caída da representación galega na Cámara Baixa é consecuencia da perda de poboación e, sobre todo, do importante incremento de residentes noutras partes do Estado.

A proporcionalidade

O número de escanos para o Congreso dos Deputados asignados a cada circunscrición e o método aplicalo para atribuílos, a denominada Lei D’Hont, remata por alterar a proporcionalidade. Neste sentido, existe un consenso na ciencia política de que a proporcionalidade só comeza a ser efectiva no sistema electoral español naquelas circunscricións que escollen máis de 25 escanos. Nesta situación só se atopan Madrid e Barcelona, onde se escollen 37 e 32 actas.

O custo dos deputados é moito máis elevado na Galiza que na capital do Estado. Mentres en Madrid ou Barcelona con máis de 3% dos sufraxios se logra con total seguridade unha acta, na circunscrición da Coruña son necesarios entre 9% e 10% dos votos para obter o primeiro representante.

A situación é, aínda, peor na circunscrición de Pontevedra, onde se require entre 10% e 11% dos sufraxios ou en Lugo e Ourense, onde fan falla entre 15% e 16%. Neste sentido, prodúcese unha perda do peso político da Galiza no Estado.

Comentarios