23-X

A Xunta Electoral dá a razón á Falange e non cre que o 'Cara al Sol' vulnere a Lei de memoria

O órgano responde á consulta de RTVE sobre se podía emitir na radio pública unha cuña do partido fascista ou se, pola contra, iso sería contrario ao disposto na nova lei, que recolle como "infracción moi grave" a realización de campañas que "inciten á exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da guerra civil ou da ditadura cando entrañe descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas".
Falanxistas enxalzando o fascismo o día da exhumación de José Antonio Primo de Rivera, o que vulnera a lei. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Falanxistas enxalzando o fascismo o día da exhumación de José Antonio Primo de Rivera, o que vulnera a lei. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A Xunta Electoral Central (XEC) vén de responder á consulta de RTVE sobre se podía emitir na radio pública unha cuña da Falange Española das JONS que inclúe o Cara al Sol autorizando a retransmisión da mesma, alegando que non ten competencias para suspender un anuncio de propaganda electoral por "suposto contido delituoso" nin para a emisión de informes para un medio de comunicación sobre unha "hipotética infracción" dunha normativa que non sexa a que integra a lexislación electoral

Así contestou nas últimas horas á consulta urxente que enviou RTVE cuestionando se a difusión do anuncio, que inclúe o himno utilizado polo réxime franquista, era compatíbel coa nova Lei de memoria democrática, que ten por obxectivo "evitar situacións de calquera natureza ou actos de enaltecemento" do golpe de Estado de 1936 ou a ditadura, así como enxalzar "os seus dirixentes".

A Xunta Electoral, con todo, sostén que non pode impedir a devandita emisión defendendo que "carece de competencia para acordar a suspensión dun vídeo de propaganda electoral por suposto contido delituoso, na medida en que, conforme ao disposto na Constitución, só en virtude de resolución xudicial poderá acordarse o secuestro de publicacións, gravacións e outros medios de información".

Todo iso, incidiu, delegando a responsabilidade en RTVE, "sen prexuízo de que o medio de comunicación, se entende que ese vídeo pode ter un contido delituoso, póidao pór en coñecemento da Fiscalía". Tamén subliñou que "resulta allea ás competencias" da XEC a "emisión de informes para un medio de comunicación sobre a hipotética infracción dunha normativa distinta da que integra a lexislación electoral".

Falange, que presenta listas ao Congreso en once circunscricións ás eleccións estatais do próximo 23 de xullo, enviou os seus anuncios electorais a RTVE para a súa emisión nas franxas de espazos gratuítos de propaganda electoral para partidos extraparlamentarios, mais quedou en suspenso ao manifestar a corporación de medios públicos dúbidas de que respectase a Lei de memoria.

Todo iso tendo en conta que o citado texto lexislativo considera "infracción moi grave" as campañas de publicidade que "inciten á exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da guerra civil ou da ditadura, dos seus dirixentes ou das organizacións que sustentaron ao réxime ditatorial cando entrañe descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas".

Mais, para a Xunta Electoral, esta campaña non é "contraria" á Lei de memoria, pois alega que a Falange "é un partido legal, que ten os seus símbolos", entre os que figura o Cara al sol, no que, afirma, "non se fai mención a ningún colectivo nin contén menosprezo ou humillación de ninguén".

Comentarios