Cultura anuncia 9,5 millóns para unhas 3.000 actividades durante este verán

A oposición critica que toda a estratexia cultural se fíe ao Xacobeo.
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, no Parlamento
photo_camera O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, no Parlamento (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza anunciou un investimento de 9,5 millóns de euros para desenvolver ao redor de 3.000 actividades culturais no verán e avanzou o compromiso de desenvolver unha lei de transformación dixital do sector e un plan de apoio a novas e novos creadores.

Así o trasladou esta cuarta feira, 2 de xuño, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego. Segundo explicou, ese "investimento especial" destinarase a eventos que abarcan as artes escénicas e propostas culturais. En concreto, referiuse a actividades na Rede Galega de Teatros, festivais, apoio a bandas de música e orquestras ou ao programa Ler conta moito. Estas propostas, incidiu, sumaranse á programación do Xacobeo 21-22, que para este ano ten un investimento de 5 millóns de euros.

A respecto dos fondos europeos, lembrou que a Xunta pretende, con cargo a eses recursos, pór en marcha un "hub" do audiovisual. Entre as futuras liñas de traballo do seu departamento destacou a "apertura" de espazos de "diálogo" e "interlocución" co sector, no seo de órganos como o Consello Galego dos Museos ou o Consello de Industrias Culturais, e anunciou a actualización da Estratexia Galega da Cultura.

"Falta de concreción"

Desde o BNG e PSdeG criticaron a "falta de concreción" de Cultura e a ausencia de medidas para apoiar colectivos concretos.

A nacionalista Mercedes Queixas censurou que non se concrete como se adaptará a Estratexia Galega da Cultura, con que prazos, medidas ou orzamentos; e que se manteñan deficiencias no relativo a actividades culturais como a ilustración ou o cómic. Tamén criticou as "escasas mencións" ao asociacionismo e á cultura de base.

"Todo" ao Xacobeo

A deputada socialista Noa Díaz denunciou que as propostas presentadas por Lorenzo son "accións dispersas, sen fío condutor nin estratexia", e reclamou "un cambio de paradigma" e unha "estratexia global".

Nesa liña, lamentou que o Goberno galego fíe “toda a estratexia cultural” ao Xacobeo pois, "malia ser un estímulo, non deixa de ser algo efémero” ao decorrer cada certos anos.

Comentarios